Os últimos serán os primeiros

A 9ª xornada da Liga da Inverneira deixa un resultado atípico, ainda que non será a primeira nin a derradeira vez. Os que eran dos últimos clasificados da xeral ocuparon os postos de honra en Lira. Incluso temos a un dos novatos desta edición inaugurando o casilleiro de vitorias. Xornada onde os cacheiras de cartel estiveron moi por baixo do que se agardaba deles pola súa traxectoria. A chuvia desprazóuse cara o sur e foi a provincia de Pontevedra a que deixou á Costa da Morte con valores inferiores ó agardado. Poucas diferenzas entre os habitantes do Top-10.

A temperatura mínima acadóuse na madrugada con 12º C., cumprida para o frío que predicían as axencias. Na derradeira hora da sobremesa acadóuse a máxima diaria con 16º C. A presencia da chuvia era ineludible, pero moi inferior á agardada, e os máis conservadores foron os trunfadores. O vento marcou un refacho máximo de moita consideración, por riba do máximo apostado con 86 km/h.

E eiquí asomou un invitado pouco agardado, Enrico Ferni, quen con 42 puntos acada a súa vitoria inaugural, e por todo o alto, en soidade. Deixou 10 puntos na auga e outros 8 na temperatura, pero os marcadores dos postos privilexiados non foron quen de desbancalo. Na xeral segue por alá embaixo, pero a vitoria non lla quita ninguén.

Con 41 puntos e unha das mellores apostas en chuvia entrou Óscar, pero a súa aposta en vento foi moi mala e quedou a un punto do trunfo. As lecturas de temperaturas non foron as mellores pero marca a segunda mellor puntuación da xornada.

E 38 puntos para Rasta e Marius, os dous mellores puntuados entre o Top-10. Rasta ten a honra de anotar o único punto de auga dentro dese top de escollidos e sube unha posición ata a 9ª. Marius empata a puntos con Verducido e mantén a 8ª praza.

Dos que suman 37 puntos destacan Kaltxon e Landrán, os dous primeiros clasificados que ainda melloran a súa situación e poden dar cun canto nos dentes. A mención especial é para Bar Pequeno, a mellor aposta en chuvia (17 de 20 puntos) e a pior en refacho (5 de 20 puntos). Estariamos a falar do mellor en Lira, pero “foi polo aire e viu polo ventooo”.

Mina acadou 36 puntos en Lira e aproveitando esa mísera puntuación ascende 3 prazas dende a 19ª ata a 16ª.

E con 35 puntos aparecen o 3º e a 4ª clasificada, Julio e Beocha, que alonxan un pouco ó aspirante número 1, Botikas, que este ano ve como se lle suben ás barbas unha chea de xogadores que levan agardando o seu momento varias tempadas. Julio e Beocha son claros exemplos de insubordinación.

Estes foron os 10 competidores protagonistas desta etapa brava de Lira. Para acadar tódolos datos recollidos na novena etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *