Esta 5ª etapa da Liga da Inverneira víu marcada polo comportamento errático da cazoliña da estación meteorolóxica de Ponte Caldelas. Non aportou datos ata o mediodía, cando de repente sinalou case 4 litros, información que mantivo ata o remate da xornada. Pero cando solicitamos os datos que se ingresan no histórico da estación, estes foron invalidados e encaixados coma “Datos non rexistrados”, o que invalida o parámetro de chuvia. Pero como foi ese o único con erro, a xornada pódese completar cos outros dous e eiquí temos os resultados.
As temperaturas non tiveron excesiva amplitude, cunha máxima de 16º C. e unha mínima de 11º C. A presenza da chuvia era de probabilidade media-baixa, pero o final do día o pluviómetro cancelou os datos amosados e anulóuse o parámetro. O vento marcou un refacho máximo de 52 km/h., unha cifra alta para o acontecido no resto do día.
Con somentes dous parámetros e eliminado o da chuvia, sorpresivamente tivemos un gañador en soidade, que podemos achacar a que tiña o refacho de vento máis alto da lista de apostas. Rasta sumou 36 puntos en Ponte Caldelas, todo isto feito dende o derradeiro posto da clasificación entre os que non se perderon ningunha etapa. 19 puntos nas temperaturas e o mellor dato de vento levóuno á vitoria. Posto 23 para el na xeral, pero cun trunfo no casilleiro.
Rasdgar e Julio anotaron 35 puntos para mellorar na xeral. Rasdgar ponse a pé de Top-10, con moit@s xogadores na súa mira. Pola súa banda, Julio recortou 5 puntos ó líder Botikas, situarse a 4 puntos da cacheira e despegarse dos persecutores outros 5 puntos. Semella que imos tendo loita pola parte alta.
E ata 6 participantes acadaron os 34 puntos. GAWF segue a transmitir boas sensacións na súa traxectoria inicial. Recupérase a modiño e ascende ata a 19ª praza. Xusto tras del atopamos a Breogán77, no posto 20 e tamén en fase de recuperación. Un pouco por riba, na 17ª praza, Denodeno encadena bos resultados e semella nun momento doce. Popolo tamén está neste clube e entra no Top-10 na 8ª praza. Víbora acompaña ó grupo dos “recuperables” dende a 16ª posición. A derradeira puntuación pertence a Mina, que ve dende a 9ª praza como vai acumulando bos resultados.
Estas son as 9 posicións principais na clasificación desta semana en Ponte Caldelas. Para acadar tódolos datos recollidos na 5ª e errática etapa da XIII Liga da Inverneira, pica na ligazón baixo este texto.

