Nova batalla pola predicción do tempo en Galicia, desta xeira en A Gándara, no concello de Vimianzo. Semella que o anticiclón dos derradeiros días ten as horas contadas, pero os modelos din que comezará a orballar cara a fin do día do domingo. Isto quere dicir que pode ser antes ou despois do remate da xornada de eltiempoentuojete. A seguridade estará nas néboas matinais e no aumento da nubosidade ó longo do día, pero a incertidume chegará cara a noitiña, polo menos no que respecta ó horario de chegada de chuvia e vento.
Isto reflíctese nas apostas para A Gándara, con diferencia de opinións en tódolos aspectos. Pouca chuvia os que apostan por ela, vento frouxo ou medio según o apostante e temperaturas baixas ou mornas dependendo de a quen lle preguntes. Estas etapas de transición poden ser unha trampa e a etapa do domingo vai ser un experimento do que pode acontecer.
Para as temperaturas máximas temos unhas apostas que van dende os 12 ata os 16º C. As mínimas están representadas por valores entre os 4 e os 10º C. Polo que respecta á chuvia, as apostas van dende o baleiro de máis da metade dos meteoludópatas ata os 4 litros de máxima, con moitos 1 e 2 litros. No eido dos refachos de vento, as apostas reflicten valores entre os 10 e os 56 km/h.
Con esta variedade de apostas agardamos unha xornada moi competida, con gañador incerto e con final inesperado. Podes seguir a xornada ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada ou dende o Acceso Rápido do menú principal. Non a perdas, a tua clarividencia e capacidade de análisis están en xogo.