Exhibición de clarividencia

A xornada número 7, a correspondente a Cequeliños, volveu ser unha recepción glamurosa onde facer gala das nosas mellores cualidades de predición meteorolóxica amateur. Un nivel de acerto extraordinario, onde os 7 xogadores máis destacados non baixaron dos 58 puntos. E todos eles, claro, están no Top-10 da xeral. Pero o resto de compoñentes da Liga da Inverneira non quedaron por tras, con ata 17 marcadores con 55 ou máis puntos. Por isto, a clasificación non tivo demasiados movimentos e estes foron de nimia importancia. Pero sempre hai algo que comentar…

A temperatura mínima acadóuse na madrugada con 8º C., razoable para o frío que predicían as axencias. Na primeira hora da tarde acadóuse a máxima diaria con 16º C. A presencia da chuvia estaba cantado que sería escasa, como así foi, con 0.2 litros que redondea a 0. O vento marcou un refacho máximo de escasa consideración na hora do vermú con 18 km/h.

E destes datos emerxen os 3 gañadores no concello de Arbo. Estas lampreas foron Botikas, Rasta e Verducido. Con 59 puntos, deixaron ó salmón ben chuchado, con mínimos erros que non empañan a heróica acción. Botikas logra restar 3 puntos co líder para colocarse a 4 puntos. Rasta e Verducido van 7º e 8º respectivamente e reducen a fochanca cos inmediatos perseguidos, cunha distancia de 10 e 11 puntos co liderato.

Por tras deles, con 58 puntos, ata 4 xogadores. Xowi acada o terceiro chanzo do podio, compartido pero con menor número de vitorias con Landrán. Marius e Julio tamén comparten puntuación e posición, desta vez coa vantaxe de vitorias para Julio.

E con 57 puntos, tamén no Top-10, Beocha comparte ese podio, pero sen vitorias, que a leva ata o 6º posto. M.B. Joaquín camiña polo lugar 16, agardando oportunidades.

Estes foron os 9 mellores competidores nesta etapa de Cequeliños. Para acadar tódolos datos recollidos na sétima etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *