Non decepciona

Pois sí, Muralla, a 8ª etapa da Liga da Inverneira con nome de restaurante chinés, non defraudou nesta edición. Tumbou as espectativas das axencias meteorolóxicas máis coitadas, que predicían 2 ou 3 litros, e tamén as das máis audaces, cunha ducia de litros. Choveu arreo dende a sobremesa, bourou o vento e as temperaturas apenas tiveron amplitude. Uns resultados que trocan significativanebte a clasificación xeral, agás o liderato, que se mantén e incluso se confirma. Moita emoción ata o derradeiro minuto no concello coruñés de Lousame.

A temperatura mínima acadóuse na madrugada con 9º C., cumprida para o frío que predicían as axencias. Na derradeira hora da tarde acadóuse a máxima diaria con 11º C. A presencia da chuvia estaba en discusión, e os máis destemidos foron os trunfadores, podédelos ver no alto da táboa. O vento marcou un refacho máximo de bastante consideración entre lusco e fusco con 64 km/h.

E o heroe, mallando a cantidade de precipitación, foi Julio. Tremenda remontada dende a penalización de Corrubedo. Sen ela, sería o líder actual e semella o xogador máis en forma actualmente. Deixou 3 puntos na temperatura mínima e 2 no vento para un total de 55 puntazos. Supera o Top-10 para colocarse 5º empatado con Botikas, pero con menor coeficiente de vitorias. Ousado e eficaz, combinación gañadora.

E 54 puntos e mesma cantidade de chuvia para Landrán, que deixou 3 puntos na máxima, 1 na mínima e outros 2 no refacho. As temperaturas tamén xogaron moito en Muralla, pero sae deste inferno na 2ª posición dende a 5ª e con moito que pelexar co líder. Veremos se segue atinando nesta parte chuviosa do calendario.

3 participantes acadaron 52 puntos. O líder Kaltxon non errou, xogando moi ben as súas cartas en tódolos parámetros. Desfruta dunha vantaxe de 5 puntos sobre o segundo posto e semella moi sólido nesta primeira parte da competición. A 7 puntos do líder asoma Modesto, no seu mellor arranque de tempada, ilusionándose el mesmo e acadando o 3º posto, un podio merecido pola audacia exhibida. Mesmos puntos para Mina, veterana raíña predictiva que colle folgos para entrar nun Top-20 moi desputado. Pode ser un punto de inflexión nesta edición.

Tamén pode ser un punto crítico para Lume, que tamén entra no Top-20 cun punto máis que Mina e cunha traxectoria irregular que pode significar un destino mellor a partir desta etapa de Muralla, con 50 puntos.

Sumando 49 puntos, dúas damas. Beocha é a veterana que sobrevivíu a esta xornada situándose no grupo da cacheira da xeral que abre un rego co resto de persecutores. 6ª praza e opcións intactas. Cris semella que quere conquerir o título de novata do ano e abofé que está no bó camiño. Gran predicción de chuvia, con pouca sorte no resto de parámetros, que lle dan o 14º posto e unha boa achega cara o Top-10.

Estes foron os 8 competidores protagonistas desta etapa salvaxe de Muralla. Para acadar tódolos datos recollidos na oitava etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *