O crepúsculo dos deuses?

Se botas unha ollada ó Top-10 da Clasificación Xeral, podes ver que está tomada por participantes que non adoitas ver nas partes altas desta lista. Despois de duas xornadas, temos máis diferenzas que nengunha outra liga a estas alturas, cun líder que lévalle 9 puntos (¡?!) ó segundo clasificado. Pode unha segunda etapa decidir o devenir final da VIII Liga da Inverneira…?

Xa o mesmo sábado poidemos comprobar que a auga que se agardaba quedaba no camiño que vai da costa atlántica ata a cantábrica. O que chegou á zona de Viveiro foi unha borrasca debilitada e carente das cantidades que se recolleron no oeste da comunidade. Pero tamén afectou ós refachos de vento, moi baixos na contra do que adoita suceder nese monte ó carón da ría de Viveiro e o río Landro.

As temperaturas foron baixas con respecto á media apostada, cunha máxima que quedou atoada nos 14º C., que non foi quen de subir nin no mediodía. A mínima tamén foi baixa, superando por pouco os 8º C. A chuvia comezou cedo pero cunha intensidade moito menor do agardado pola maioría, quedando nos pouco máis de 5 litros recollidos. O refacho de vento, que no sábado acadou os 126.8 Km/h., non foi quen de superar os 73 Km/h. final, roubando gran cantidade de puntos a moit@s meteoludópatas.

Deste xeito axeonllámonos ante o gran vencedor en soidade, Juanito Caminante. Tres puntos de perda nas temperaturas, 5 na pluviosidade e somentes un punto no vento, no que estivo ben atinado. 51 puntos e o liderato da Clasificación Xeral, cun colchón de 9 puntos sobre o seguinte clasificado.

A un só punto atopamos a Kalandrakas que recupera parte do perdido na etapa inaugural, entrando no Top-10 nun dos seus mellores inicios de competición. Outro estrano nestas situacións foi M. B. Joaquín, con 47 puntazos que o aupan ata o terceiro chanzo do podio. Bar Pequeno acada 44 puntos e botará de menos a xornada perdida na sua propia casa. Mjölnir, o novato do ano, e Xowi, dos poucos xogadores con competición gañada neste Top suman 41 e manteñen posesión no Top-10. Denodeno, Alucarda e Iru non adoitan estar nestas posicións tan avanzadas, pero con 40, 39 e 38 pts. respectivamente están entre @s mellores. Iru e Alucarda están no 5º e 6º posto e Denodeno careceu de memoria en Corrubedo. Sarabia pecha o Top-10 da xornada e mantén tamén a posición entre os 10 mellores.

A Clasificación Xeral nunca estivo tan revolucionada despois da desputa da segunda xornada. Do podio liderado por Juanito Caminante, con Xowi e M. B. Joaquín, somentes Xowi estivo nesta posición anteriormente. Os nove puntos de renta son inéditos nas edicións desputadas nesta altura de competición. Mjölnir segue na loita na sua toma de contacto na predicción meteorolóxica. Iru e Alucarda, pouco acostumad@s a este nivel de eficacia, tentarán mantela a toda costa. Sarabia confirma o acontecido nas ligas no exilio e podería dar a sorpresa. E para sorpresa, Michi e Kalandrakas poden coller confianza para loitar por algo que non obtiveron en pasadas edicións. Julio completa o Top-10 e tamén colle pulo despois da sua vitoria final en Escocia.

A outra lectura é a dos principais cabezas de serie. Topamos a Botikas no posto 12 a… 21 puntos do líder¡¡. Verducido a 23, Beocha a 24, Punteiro a 24, Mina e Víbora a 26… Isto polo que respecta ós candidatos iniciais. As grandes promesas, coma Modesto, Landrán, Kaltxon, Zalamera ou Nanuq están máis aló do 20º lugar, entre 20 e 50 puntos por baixo do líder.

As preguntas: Poderá Juanito Caminante xestionar a presión do liderato e manter o burato aberto?. Poderán ameazar os favoritos, tanto vacas sagradas coma novatos á nova orde meteorolóxica? Pode ser a fin dunha época de dominio d@s mesm@s ou é un espellismo? Seguirá o clima deixando xornadas tolas coma esta? A primeira resposta, no lugar axeitado, en Castro Vicaludo, no suroeste do país, por onde entran as borrascas…

Se queres coñecer tódolos datos extraidos da 2ª etapa da Liga da Inverneira, en Penedo do Galo, pica no enlace embaixo estas letras.

Recordamos que @s tardos@s desta semana con arribada antes da 01:00 horas están apercibidos e suman un aviso de penalización. Podes ter 3 retrasos nas 6 primeiras etapas, pero somentes chegando antes da citada hora. Podes consultar o Regulamento eiquí.

Saúde e sorte!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *