Afogad@s na incertidume

A 4ª etapa da IX Liga de Primaveira estivo marcada pola incerteza nos datos achegados ao vivo. Non tivemos constancia da cantidade de chuvia, nen sequera de se estaba a chover ou non. Tivemos que agardar ata as 13:00 horas do luns para coñecer os resultados finais en Brantford. E seica foron chocantes para a maioría de participantes…

A temperatura máxima quedou moi por baixo do apostado pola maioría, marcando 9º C. na madrugada e na tardiña. Ninguén baixara dos 10º C., polo que a perda foi xeralizada. A mínima sí que estivo no marco das prediccións e acadou un valor de 5º C. na mañanciña do domingo. No que atingue ao vento, o histórico amosa un incremento no visto ao vivo, dende os 33 ata os 38 km/h. definitivos. Pero para actualización máis radical foi a da pluviosidade, onde o histórico dí que se recolleron máis de 20 litros de chuvia.

Con estes resultados sinalamos a Punteiro coma vencedor da xornada en Brantford. 49 puntos que fan pensar en que Ontario é un bo lugar para a chuvia. Na s derradeiras duas xornadas con chuvia dificilmente se acadaron os 50 puntos. Punteiro tiña a mellor marca de chuvia con 12 litros. Tiña unha das apostas máis baixas en temperatura máxima, que o beneficiou. A mínima tivo unha perda de somentes un punto e a actualización final fixo que mallara o refacho. Chega ata a 5ª praza a só 3 puntos do liderato.

Con 46 puntos entraron Landrán e Lukas. O primeiro colócase ás portas do Top-10, a un só punto do peche. O caso de Lukas é curioso pois marcha no posto 7 pero que ademáis ten penalización na 2ª etapa. Sen o retraso estaría líder con 2 puntos de adianto. Nen@s, hai que ser puntuais…

Con 44 puntos asoman Julio e Sarabia, que empatan con Botikas na 2ª praza da xeral a somentes un punto do líder. Os dous tiñan marcas altas en pluviosidade, que semella que se adaptan ben ó clima de Ontario.

42 puntos obtiveron Xowi, Verducido, Marius, Botikas e Belenchis. No Top-10 atopamos a Verducido, Botikas e Xowi, mentras Marius trata de achegarse ata os postos de honra da xeral. Belenchis, cunha xornada menos navega máis aló do posto 30.

Se queres indagar no acontecido na xornada de Brantford, pica no enlace embaixo estas letras.

Polo que respecta á OjeteQuake 2022, o sismo máximo localizóuse no sur de Xapón, nunha das moitas illas volcánicas que salpican o Mar de Filipinas. E a un só punto de latitude quedou Víbora de mallar o epicentro. En primeira instancia alegóuse unha magnitude de 5,6 que foi retocado ata os 5,5 Mg. Coincidía en magnitude con outro sismo ao norte das Illas Salomón e con puntuación máxima para Balboa, pero o sismo máis cercano era o de Víbora polo que foi o escollido, segundo a normativa de competicións sísmicas. 493 puntos acadou Víbora, que se eleva ata a terceira praza da xeral.

Breogán77, Michi, Popolo, Rasta76 e Bar Pequeno superaron os 470 puntos e todos eles encádranse entre os 15 primeiros da clasificación sísmica.

Para coñecer máis detalles do acontecido na 4ª etapa da Liga dos Terremotos de 2022, pica no enlace que deixamos baixo este párrafo.

Saúde e sorte!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *