Ata o derradeiro alento

Etapa esta de Serra da Faladoira de longo percorrido e final agónico, coa temperatura mínima baixando ata case picar os 6º C., que beneficiaría a Botikas e Verducido, os únicos con semellante baixada. Ó final, máis axustado non puido ser, cunha marca de 6.56º C., somentes unha centésima por riba do establecido na normativa. Tamén a chuvia estivo preto de dar a sorpresa, pero non foi o suficiente para trocar o 0 maioritario. O refacho foi frouxo para a opinión xeralizada e a máxima estivo dentro do agardado.

A temperatura mínima non se acadou na madrugada, senón xa ben entrada a noitiña con 7º C., razoable para o frío que predicían as axencias. Na primeira hora da tarde acadóuse a máxima diaria con 12º C. A presencia da chuvia estaba cantado que sería escasa, como así foi, con 0.3 litros que redondea a 0. O vento marcou un refacho máximo de mediana consideración na hora do vermú con 27 km/h.

Con estes datos obtivemos un gañador en soidade, con 59 puntazos, mallando tódolos parámetros agás o refacho, onde quedou a 3 km/h. do pleno. Landrán foi o heroe no concello de Ortigueira e úpase ata a 5ª praza compartida. Outro aspirante ameazador.

E sumando 58 puntos está Rasta, outro que pasa do final da táboa a Top-10 confirmado neste inicio de competición. 7ª praza, xusto tras o gañador da etapa, Landrán.

Con 57 puntos atopamos a Magor, vixente camioa e achegándose paseniño ó Top-10 e agardando pola chuvia. Tamén nesa puntuación Beocha, cunha 4ª praza que semella mantén dende fai anos, agatiñada para dar unha sorpresa. E mesma puntuación para Kaltxon, líder e collendo vantaxe, nesta etapa váise ata os 7 puntos sobre o segundo. Recorda a aquel participante que estivo a punto de dar o sorpasso fai uns anos. seica será este o seu ano?

Engadindo 56 puntos na xeral está Xowi, outro desafiuzado nas últimas edicións que ostenta a 5ª praza compartida e mantén o nivel. Marius, outro eterno aspirante, colle a 8ª praza compartida e tenta trepar polo Top-10. Julio, outro monstro da competición forma parte dese posto compartido e xa case esqueceu a penalización de Corrubedo. E o carón destas bestas, o debutante The Profesor semella ir collendo confianza e busca remontar dende o fondo da xeral. Posición 25 para el.

Estes foron os 9 mellores competidores nesta etapa de Serra da Faladoira. Para acadar tódolos datos recollidos na sexta etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *