Cebreiro feiticeiro

Etapa para recordar a desputada este domingo no alto do Cebreiro, onde moitas espectativas foron ó carallo e outras tantas déronse por satisfeitas. Ilusións gañadas e perdidas por igual que non deixaron xogadores indiferentes, pero sí con gañas de seguir na lea ou de buscar revancha. Grande etapa dende o comezo, con temperaturas cativas ainda que en positivo, un refacho miserento para o campo de xogo e o agardado polas axencias e unha chuvia piollenta ó principio que aumentou de intensidade conforme pasaba o tempo e nos achegábamos ó remate.

A temperatura mínima acadóuse no abrente da madrugada con 1º C. que xa non subiría de , con dificultade, en todo o día. A presenza da chuvia era moi probable e paseniñamente acadou un resultado de 22 litros. O vento marcou un refacho máximo de 32 km/h., lonxe do que apostaba a elite da xeral.

A contas feitas, a vencedora con 52 puntos foi Mina, que se converte na competidora con máis vitorias en soidade, nada menos que 25. Andivo acertada en tódolos parámetros agás no refacho, onde deixou 5 puntos atrás e que non foron moitos vendo os resultados do resto. Deste xeito convértese na lideresa do grupo que aspira ó Top-10, dende o posto 11º e a só 2 puntos do 10º. Xornada redonda para ela no Cebreiro, onde xa gañara en soidade fai nada menos que 10 anos!!

Co segundo mellor marcador do día, Rasta, con 51 puntos e que recupera a praza entre os 10 mellores da xeral, agora no 9º posto, voltando á corredoira que leva ó éxito nun escenario perfeto. Foi, xunto a Modesto, dos que mallaron a cantidade de chuvia e queda empatado no 8º posto pero con menor coeficiente de vitorias que Xowi.

Con 50 puntos temos a M.B. Joaquín, que semella incrible que deixara 6 puntos nas temperaturas e somentes 4 no vento e na chuvia. Circula no posto 24 en terra de ninguén, sen ameazas nin obxectivos. Mesma puntuación para Cris, a mellor situada entre os morróns e que ultimamente acostúmase a estar no resumo dos mellores. Posto 17 para ela e buscando ó grupo de acceso ó Top-10.

49 puntos para Popolo e Sarabia, con diferenza dun só punto na xeral, outros dos que buscan atopar sitio entre os 10 mellores. Agora están no posto 13 e 14 respectivamente e Sarabia semella en racha.

Sumando 48 puntos, Michi e Modesto con boa actividade na chuvia. Michi entra no Top-20 mentras que Modesto mantén o Top-10 ainda que perdendo unha posición.

No Top-5, Kaltxon aumenta a vantaxe sobre Beocha no 2º lugar, que a súa vez aumenta distancias sobre Botikas no 3º, achuchado por Julio que lle papou 3 puntos e aumentou en 2 a vantaxe sobre Verducido, que ve coma os seus persecutores reducen distancias a falta da derradeira por riba dos 900 metros de altitude, en Lardeira.

Estes foron os 8 competidores mellor puntuad@s nesta etapa de grande emoción na loita, na cima do Cebreiro. Para acadar tódolos datos recollidos na 20ª etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *