Recibimos na segunda xornada da Liga da Inverneira unha fronte activa que vai facer de Penedo do Galo un campo de batalla para os apostantes de eltiempoentuojete.
Temos que dar a benvida á competición a dous novos nomes que engadimos ó de Mjölnir. Coe e Belenchis, benvidos á porra meteorolóxica única no mundo libre, ainda que tamén no mundo preso. Agardamos que a diversión sexa parte da vosa participación nesta aventura. Tamén saudamos a Bar Pequeno e Denodeno, vellos coñecidos que chegan cunha semana de retraso pero coa ilusión intacta de facer historia. Así chegamos a competir en Penedo do Galo ata 40 meteoludópatas, loitando pola excelencia climática.
Temos ante nós unha xornada con alto índice de chuvia e de vento (a tenor das apostas), acollendo unha fronte activa que semella un avance do outono no que nos atopamos.
As temperaturas máximas oscilan entre os 14 e os 21º C. As mínimas van dende os 7 ata os 14º C. No que respecta á pluviosidade, temos apostas dende un litro ata 40, con todo tipo de apostas polo medio. O refacho de vento fluctúa entre os 27 e os 125 Km/h.
Con estas apostas temos ante nós unha etapa con moita oscilación en tódolos parámetros. Calqueira pode acadar unha vitoria que pode ser mítica no Olimpo meteorolóxico amateur. Non deberías perder a evolución da xornada, que podes seguir ao vivo dende este enlace a partires das 02:30 desta mesma madrugada.