Antes de nada, desculpas pola non presentación da táboa de apostas no sábado. Un pantallazo azul de morte no PC trucou esta acción e case nos deixa sen a retransmisión ao vivo da xornada. Non podo dicir que non se volva repetir.
Oku é o paraiso onde se desputou esta 4ª etapa da XII Liga de Primaveira e podemos dicir que resultou chuviosa, con vento medio e coas temperaturas sen apenas diferenzas entre máximas e mínimas. A clasificación xeral volveu mudar significativamente, nunha zona do pacífico onde cada xornada é un mundo e todo troca con facilidade.
A temperatura mínima acadóuse na madrugada e foi baixa, con 17º C. A máxima somentes chegou ata os 19º, xa pasado o vermú. A presenza da chuvia era de probabilidade impredecible e o final foron 11 litros os apañados. O vento marcou un refacho máximo de 42 km/h., na media do que apostaba a maioría da xeral.
Á vista dos datos da estación, temos un gañador en soidade. Rasta, con 52 puntos, achegóuse moito á cantidade de auga recollida, e ainda que quedou lonxe do refacho, a súa aposta en temperaturas resultou a mellor de tódolos participantes. Foi o factor decisivo que evitou que conpartira o trunfo con Magor, con altas prestacións en vento e chuvia. Colócase 4º na xeral, e volve ameazar ós cacheiras. Veremos se ten consistencia.
Magor, con 51 puntos, volveu demostrar que en mollado se desenvolve coma na casa. Gran aposta pluviométrica e, xunto co refacho moi preciso, só fallou nas temperaturas, o parámetro decisivo. Acada o liderato en soidade con 7 puntos de vantaxe sobre o segundo posto e sona coma cando gañou a Inverneira fai 2 anos. Veremos se pode manter a distancia ata o final. Seguro que vai depender da chuvia.
50 puntos para Kaltxon, que semella estar a collerlle a medida a Okinawa. Bos resultados en xeral en tódolos parámetros para subir na clasificación xeral ata o 3º posto, no grupo que persigue á lideresa.
Xa por baixo dos 50, con 49 puntos atopamos a Víbora, que entra no Top-10, aclimatándose ó clima tropical e tomando distancia co grupo traseiro. Xusto por diante na xeral e coa mesma puntuación nesta xornada encontramos a Enrico Ferni, quen mellora día a día buscando o punto óptimo.
47 puntos para Breogán77 que mantén a 5ª praza na xeral, 46 puntos para Botikas, Landrán e Lume, que se atopan respectivamente nas prazas 5ª, 11ª e 12ª.
Estas foron as 9 mellores puntuacións nesta xornada desputada en Oku. Para acadar tódolos datos recollidos na 4ª etapa da XII Liga de Primaveira pica na ligazón baixo este texto.

