Apachocando a Clasificación

Rematou a 5ª etapa da VIII Liga da Inverneira e podemos dicir que Ponte Caldelas mudou en parte a clasificación xeral. Non tanto no que respecta ás posicións, pero si que as puntuacións se apertaron e o grupo principal semella máis conxuntado, sen tantas diferenzas coma antes da disputa da etapa.

As temperaturas máximas foron baixas, acadando os 15º C. cara o mediodía. A nubosidade impediu o quecemento do sol no día e pola noite a temperatura mínima chegou ata os 6º C., por baixo da media apostada. A chuvia agardábase para a tardiña, pero adiantóuse no tempo e xa a media mañá comezaban a notarse as primeiras gotas. Deixou de chover cara o mediodía, cando se chegaba a 3 litros. Pola tarde a incertidume de probabilidade de chuvia asustaba, pero foi rebaixando a expectativa coa aparición de grandes claros en toda a comunidade. Os refachos de vento, coma se agardaba, foron baixos todo o día, rematando cunha marca escasa de 16 km/h.

Con estes datos, Verducido asina unha vitoria en soidade, mallando a chuvia e perdendo somentes un punto en cada un dos parámetros restantes. 58 puntos. Primeira vitoria en Ponte Caldelas e pasaxe direto ó Top-10 xeral.

Con 57 puntos, Xowi, que mantén a presión sobre os de diante e segue a postularse coma pretendente ó titulo final. Coa mesma puntuación, Bar Pequeno está a facer un gran inicio de competición e que se houbera desputado a primeira xornada podería estar entre os mellores de esta edición.

56 puntos achegaron ó seu marcador Aki, que se achega ó Top-10, Landrán, que desta vez sí acertou na chuvia e seguro collerá folgos de cara a próximas etapas. Tamén Belenchis, novata nesta tempada, que acada o seu segundo podio de etapa consecutivo.

Jose Lopez entra no Top-5 por mor dos 55 puntos acadados en Ponte Caldelas. 13 puntos o separan do líder.

Con 54 puntos, unha morea de xogadores, con M. B. Joaquín, Sarabia e Nanuq dentro do Top-10. Botikas e Beocha presionando a ese grupo adiantado. Oscar e Punteiro, triple vencedor en Ponte Caldelas, navegan á deriva máis aló do posto 20.

A xeral mantén a Juanito Caminante no liderato. Debería de “trotar” na vez de camiñar para evitar ós “lobos” que van sentindo o seu cheiro e achéganse con velocidade. M. B. Joaquín e Xowi son os avanzados e recurtaron camiño. Mjölnir mantén a distancia pero ten a Jose Lopez, Verducido, Alucarda e Sarabia a distancia de dentada. Nanuq quere ser parte dos persecutores mentras Mingos pecha o Top-10 despóis dunha desafortunada xornada e os seus inmediatos depredadores xa uliscan o sangue fresco.

Se queres coñecer tódolos detalles do acontecido na 5ª etapa da Liga da Inverneira, en Ponte Caldelas, preme no botón embaixo exposto.

En vindeiros días amosaremos algunha estadística derivada da competición da Liga da Inverneira.

Saúde e sorte!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *