
monografías
eltiempoentuojete
Nubes na atmósfera
Unha pequena aproximación ás nubes que debuxan os nosos ceos.
Qué son as nubes?
Unha nube é un hidrometeoro formado por minúsculas partículas de auga ou xeo suspendidas no aire sen tocar o chan. Poden acarrexar partículas sólidas ou líquidas, coma as que se atopan en fumes, pó ou outros vapores.
Os hidrometeoros son as partículas de auga líquida ou sólida que se atopan na atmósfera. Poden ser:

Partículas en suspensión, coma nubes ou nevoa

Partículas en caida, coma a chuvia

Partículas elevadas polo vento, coma as nubes de pó

Partículas depositadas, coma a xiada

Tubos, coma tornados e trombas mariñas
A formación das nubes
A troposfera é unha das capas que conforman á atmósfera. Está en contacto coa superficie, ten aproximadamente 10 km. de altitude e nela desenrólanse os procesos climáticos e meteorolóxicos.
A troposfera non ten o mesmo espesor en todo o planeta, senón que é máis grosa no ecuador.
Na troposfera conviven moitas masas de aire. Algunhas delas cargan coa humidade obtida da evaporación da auga do mar ou de terras húmidas.
As masas de aire quente e húmido teñen tendencia a elevarse cando se atopan con outra masa de aire frio e seco. As masas de aire quente non se misturan coas frías , senón que se moven a zonas de menor presión.
Cando unha nube de aire quente e húmido se eleva, exténdese. Faino pola menor presión que atopa nas alturas. O elevarse tamén baixa a temperatura, o que fai que as partículas de vapor de auga se condensen e den lugar a chuvia.

Clasificación das nubes
Neste artigo imos tratar a clasificación das nubes segundo as características visuais de cada unha delas.
As nubes mudan constantemente. Medran, cambian de cor, de altitude… Ainda así, existe un esquema de clasificación onde atopamos unha serie limitada de formas, observadas arredor de todo o planeta.
Existen catro grandes tipos de formación.
CÚMULIFORMES (cumulus): Nubes de formas redondeadas que teñen un crecemento vertical, sobre todo en días solleiros.
CIRRIFORMES (cirrus): Teñen forma de filamentos, son brancas e danse en zonas elevadas.
ESTRATIFORMES (stratus): Son as nubes formadas por capas ou estratos e atópanse a varias altitudes.
NIMBIFORMES (nimbus): Nubes con desenrolo vertical, case sempre asociadas ás precipitacións.
Esta clasificación faise do mesmo xeito que con animais e plantas. Usa nomes en latín e fai división por xénero, especies e variedades. A maiores existe un apartado para nubes especiais e outro para as nubes atmosféricas superiores. Ou son compricadas de ver ou somentes se dan en determinadas partes do mundo.
Clasificación por xéneros
Estas formacións e as misturas entre elas dan lugar a dez xéneros de nubes principais. Non cubre tódolas posibilidades, senón que describe as características necesarias para diferenciar tipos de nube que se asemellan a outras.
- Cirros
- Cirrocúmulos
- Cirrostratos
- Altocúmulos
- Altostratos
- Nimbostratos
- Estratocúmulos
- Estratos
- Cúmulos
- Cumulonimbos
Altitude das nubes
Na seguinte infografía podes ver o tipo de nube e a altitude á que se encontran dentro da troposfera.
A troposfera exténdese dende o nivel do mar ata o seu nivel máis alto, a tropopausa. Pódese dividir verticalmente en tres niveis. Ten en conta que os niveis se superpoñen e as medidas varían coa latitude (ver figura da altura da troposfera). Estes son os niveis e os tipos de nube que podemos atopar en cada un deles.
- Nivel baixo: dende a superficie terrestre ata uns 2 km. de altitude. As nubes máis baixas poden estar en contacto co chan. Son os estratus e os estratocumulus. Un pouco por riba teñen a sua base os cumulus e os cumulonimbus. Estes últimos medran verticalmente nos tres niveis e son responsables das tormentas.
- Nivel medio: dende os 2 ata os 7 km de altitude atopamos os altostratus, os altocumulus e os nimbostratus, que entran no nivel baixo engadindo chuvia ou neve.
- Nivel alto: entre 5 e os 15 kms. podemos apreciar cirrus, cirrocumulus e cirrostratos. Tamén as partes altas dos cumulonimbus chegan a esta altitude dende o nivel baixo.
Especies e variedades de nubes
A maioría dos xéneros de nubes están subdivididas en especies, que as distinguen segundo formas características ou cómo está estructurada internamente.
Dentro das especies podemos atopar fibrato, volutus, lenticularis, calvus…
Por outra banda temos as variedades, que diferenza as disposicións dos elementos que se observan a simple vista e o grado de transparencia de cada xénero.
Entre elas atopamos intortus, undulatus, perlucidus, lacunosus…
Como semella que para comezar está bastante ben, imos deixalo de momento. En sucesivos artigos coñeceremos máis a fondo as especies e variedades de nubes que máis a miudo podemos atopar en Galicia. En qué zona, época do ano e parte do día será máis sinxelo de visualizar tal ou cal nube.
Nubes en el Ojete. Nubes en time lapse
Se queres ver videos de nubes en time lapse, estás invitado a visitar a nosa páxina de YouTube, onde atoparás videos de moitas especies e variedades de nubes.
Fontes:
