Semella que o título da VIII Liga da Inverneira xa ten dono, ainda que resta unha das etapas raíñas a desputar en tempo revolto. Pero por tras están a pasar moitas cousas, e non todas cara o esclarecemento da competición.
A temperatura mínima rexistróuse na madrugada, acadando os 4º C., moi preto da maioría das apostas. A máxima chegaría ata os 13º C., coincidindo coa máxima actividade eólica, que deixa unha marca de 28 km/h., un pouco por baixo da media de apostas. A chuvia caeu paseninho durante a madrugada e non acadou o primeiro litro completo ata o mediodía do domingo. Choveu con máis regularidade entre lusco e fusco e o total final chegou ata os 5 litros.
Coas contas feitas atopamos a Lume no alto da cadea meteorolóxica. Pleno en temperatura e dous puntos de perda en cadanseu parámetro. Segunda vitoria nas derradeiras 3 etapas, que lle asegura o Top-20 ainda que está empatada con outr@s 3 meteoludópatas. Chega ata as 25 vitorias históricas.
Ata 5 competidores acadaron os 55 puntos. Atopamos a Bar Pequeno e Michi, ámbolos dous por baixo do Top-20. Sarabia regresa ó Top-10 que perdera na funesta etapa de Fornelos. Outro que volve é Juanito Caminante, que grazas ás etapas sobre mollado terá oportunidade de coller podio na derradeira xornada de Cuntis. Tamén aproveitou Verducido, que semella terá unha xornada tranquila á conta dos 19 puntos de diferencia cos persecutores.
Iago e Kalandrakas asomaron a cachola en Ponteareas con 55 puntos. Ambos navegan xuntos máis aló do posto 25. Mesmos puntos para Modesto que sobe ata o posto 9, ainda que moi hostigado polos persecutores.
Se o primeiro posto semella destinado a Verducido, non ocorre o mesmo polos postos de podio, con 5 aspirantes ós 2 chanzos que aseguran presea. A Beocha, Julio, Xowi e Botikas súmase Juanito Caminante, heróe das borrascas que volve meter presión a Botikas, na cola do grupo.
A primeira vista tamén quedan 2 lugares no Top-10 para 3 aspirantes. Modesto e Sarabia expulsaron a Punteiro dunha posición case segura e deberá mellorar as puntuacións dos contrincantes que lle quedan. Fora de distancia semellan os defenestrados en Ponteareas. Víbora, Marius, Kaltxon e Popolo agardarán pola inestabilidade atmosférica para poder acceder a uns postos de honra que soterraron en A Granxa.
- A táboa da clasificación xeral non fai distinción na hora dos empates. As posicións empatadas deben ser recolocadas á conta da cantidade e calidade das vitorias. Recorda as leis de desempate no Regulamento meteo.
Para acceder a toda a información referente á xornada desputada en A Granxa, Ponteareas, preme no botón que presentamos embaixo estas letras.
Un esforzo máis, a derradeira cita en Cuntis, máis preto que nunca!!!