O final que determina un inicio

Chegou o final do X Torneo de Vran en West Bengal e xa temos os resultados definitivos da competición. Coronamos a un novo semideus para o que se abren as portas do Olimpo meteorolóxico amateur. Bar Pequeno deu coa chave do trunfo sobre todo baseado na súa predicción na pluviosidade. Gañou con consistencia, os 12 puntos sobre o segundo lugar dan fé delo. Despois da 1ª xornada non se viu amenazado en ningún momento, e iso que tivo algún erro na situación dalgunha etapa, dadas as suas apostas en temperatura, como acredita esta derradeira xornada. Pero imos co resumo…

A temperatura mínima déuse a primeira hora da xornada con 26º C. No abrente marcóuse a máxima, que acadou os 36º C. Pouco antes caeu o litro e medio único en todo o día. O refacho máximo do día foi de 8 nos, equivalentes a 15 km/h.

A etapa levárona ó unísono Punteiro e Denodeno con cadanseus 55 puntos. Ambolos dous estiveron moi acertados na pluviosidade e no refacho de vento ainda que non tanto nas temperaturas. Pero valéulles de sobra para destacarse 3 puntos sobre os persecutores, gañar a etapa e clasificarse para a Ojete’s Cup entre os cacheiras de serie, isto é, entre os 8 mellores da xeral, que terán a vantaxe final no caso de desempate. Noraboa ós dous!!

52 puntos anotaron Popolo e Marius, con gran desempeño nas temperaturas e no refacho e un pouco menos na pluviosidade. Marius logra entrar no Top-16 (estaba no posto 17, a gurgulla) e sube ata o 11 despois do desempate con outros dous competidores. Popolo estaba lonxe dos elixidos e a puntuación non foi suficiente para estar entre a élite da Ojete’s Cup.

Landrán, Botikas e Verducido asinaron 51 puntos en Jalpaiguri con boas apostas sobre vento e perdendo puntos na chuvia acumulada, pero facendo o suficiente para manter o status de Top-16. No caso de Botikas e Verducido entre os 8 mellores que nun hipotético desmpate final terían vantaxe.

Os 49 puntos de Julio tamén lle permiten o aceso direto á Ojete’s Cup, na posición 15, pero mellor que nada, despois de estar pendendo dun fío todo o Torneo.

Bar Pequeno vence na competición estival e defenderá a praza de honra no Ojete’s Cup que comeza esta mesma semana en similar escenario, West Bengala no leste da India. Seica se acomodou mellor que ninguén a esta zona do mundo e será o rival a batir no certamen do K.O. A segunda praza de Denodeno é o seu mellor resultado histórico e pode estar fachendoso do seu fito. Compoñente Sur tamén pode inchar o peito despois de facer podio, perdendo a segunda praza no desempate. Agora toca aproveitar a racha e facer historia. 8 puntos por tras atopamos a Botikas na 4ª praza. Pouco máis que dicir de quen estaba desafiuzado despois da 1ª etapa. Mesmo caso para Verducido no 5º posto da xeral. E na 6ª Mingos, que tamén se sentíu cómodo na India e podería facer un gran papel na Ojete’s Cup. 7º posto para Beocha, cunha traxectoria irregular que pode mellorar na disputa do novo reto. O derradeiro posto de honra está nas mans de Punteiro e que acadou grazas á vitoria na etapa final.

Landrán sube ata o posto 9, Michi baixa dous pasos cara atrás ata o 10º e Marius obtén unha gran subida para situarse na 11ª praza. Contra el perderon o desempate Pájaro e Víbora, que ocuparán finalmente as prazas 12 e 13 respectivamente. A 14ª é para Sarabia, a 15ª para Julio e a derradeira para Rasta, que pode petar nos dentes despois dunha xornada final para esquecer. Ou non, porque é a que o leva a enfrontarse co vencedor do Torneo de Vran.

A partires de hoxe comezamos a Ojete’s Cup en West Bengal e amosaremos toda a información precisa sobre o torneo do K.O. Se aprecias carencias ou faios de calqueira tipo, rogamos o comuniques o antes posible para tentar resolvelo antes do inicio da competición. Embaixo do enlace dos resultados en Jalpaiguri amosamos o Cadro de Competición cos enfrontamentos de primeira ronda da Ojete’s Cup.

Cadro de competición

2 comentarios sobre “O final que determina un inicio”

  1. nin unha mención ó meu desempeño…moito mérito ten obter o derradeiro chanzo entre todolos que xogaron as 5 xornadas e non obter ningún punto na chuvia xa é abondo para recibir un accésit…en fin, verémonos na inverneira.
    Modesto

    1. Tiña que habelo comprobado, pero ainda non tiven tempo de investigar as porcentaxes de acerto. De sabelo faría unha tesis sobre “cómo os derrotados tamén fan historia, ainda que agarden no esquecemento ata que a estadística os faga semideuses, ainda que sexa da ignorancia.”
      Carta de Nemesio a los Eólicos, 27; 3 (periódico puro).

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *