Rematou a 15ª etapa da Liga da Inverneira en Cabeza de Manzaneda e este ano podemos dicir que sen incidencias sinalables nos aparellos da estación. O anemómetro traballou sen sobresaltos, quizáis polo morno das temperaturas na estación de esquí. Os resultados dos parámetros estiveron relativamente entre os apostados, polo que a etapa estivo moi desputada ainda que cunha nova exhibición do cada días máis líder, Kaltxon.
A temperatura mínima acadóuse na madrugada con -2º C. e xa non subíu de 0º en toda a xornada, mantendo unha amplitude térmica moi baixa. A presenza da neve era improbable, marcando un resultado de 0 litros. O vento marcou un refacho máximo de 58 km/h., na media do agardado
Kaltxon é ainda máis líder despóis de acadar unha gran vitoria no cumio ourensán con 57 puntos. perdendo somentes 1 punto nas temperaturas e 2 no refacho. Conta xa cunha vantaxe de 15 puntos en outras tantas xornadas. Fai uns anos estivo nunha posición semellante nestas alturas da Liga e acabou papado polos lobos. Nesta ocasión semella que debería aprender do pasado e agora mesmo é o aspirante número 1 para abrir as portas do Olimpo meteorolóxico. Ademáis xa acumula 4 vitorias, 2 delas en soidade e iso vai escorrentando ós seus persecutores. Pero ainda é cedo para repicar as campás.
56 puntos para Óscar e Rasta. De Óscar pouco que dicir máis que a súa inconstancia faino localizable no sumidoiro da xeral, ainda que con faiscas de xenio coma este domingo. Rasta váise alonxando de Xowi ó tempo que ameaza o 7º posto de Marius. Semella que do Top-10 non o moven.
Con 55 puntos atopamos a Julio, moi forte este ano pero de momento sen éxito na procura de Kaltxon. Colle folgos e distancia tras o descalabro de Landrán, ainda que con Beocha ainda moi preto. Mesmo resultado para Botikas que segue na teima de recuperar os puntos de atraso e xa ataca o 4º posto de Landrán. É mellor non perdelo de vista, seu perigo é unha teima. Mesmos puntos para Víbora, que xa está no grupo apertado que persigue o Top-10. Esta semana sube ata o posto 15.
Con 54 puntos e neste mesmo grupo están Breogán77 e Lume, na 12ª e 13ª posición respectivamente, agatiñando cara enriba e agardando o faio que os coloque entre a elite da xeral. Igual puntuación para dous que están xa nesa parte notable da táboa. Beocha mantén o podio no 3º lugar, teimuda coma sempre e Verducido na 6ª praza en terra de ninguén, agardando tempos mellores.
Estes foron os 10 competidores mellor puntuados nesta etapa con máis altitude nesta edición, Cabeza de Manzaneda. Para acadar tódolos datos recollidos na 15ª etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

