Presentación da VII Liga de Primaveira

Dende eltiempoentuojete presentamos o novo desafío para a primaveira de 2020. A VII edición da Liga de Primaveira vaise celebrar en territorio australiano. Vai ser a terceira visita que facemos ó xigantesco país de Oceanía. Despóis de facer parada e fonda en Tasmania (2016) e no Western Territory (2018), desta vez o destino será a costa de New South Wales, no extremo oriental de Australia. 9 xornadas acariñando o Mar de Tasmania e unha etapa final na estación de esquí máis grande de Australia, a pouco máis de 200 kms. de Camberra.

Coma sempre, terá moito gañado quen consiga unha boa ubicación da estación meteorolóxica en xogo. Por iso sempre recomendamos pasar pola páxina da xornada, onde se informa con precisión do lugar de xogo. O ser un territorio da Commonwealth, o nome do lugar pode ter outros similares noutros territorios con nomenclatura inglesa. Por iso a xeografía será unha parte importante das apostas.

Hai programadas 10 xornadas, todas a xogar no domingo. As penalizacións por chegar fora do tempo regulamentado aplicaranse dende a primeira xornada. A diferencia horaria é favorable, polo que as apostas terán menos de 24 horas de diferenza co inicio da xornada. A costa de New South Wales ten 10 horas máis que a correspondente a de Galicia, polo que a xornada ao vivo comezará cara o mediodía do sábado. Os resultados serán presentados o luns o mediodía, dado que non coñecemos o tempo de verificación dos datos.

A axencia distribuidora de datos, coma nas anteriores ocasións será o BOM, o Bureau of Meteorology do Australian Goverment. En principio somentes actualizan os datos duas veces ó día, pero agardamos atopar unha opción máis polo miúdo. (Atopado un sistema por horas).

  • Os parámetros de temperatura máxima e mínima e o refacho de vento tómanse nas 24 horas correspondentes ao día en curso, e son verificadas cando pasan ós datos históricos do mes polo BOM.
  • O parámetro da auga tómase dende as 09:00 horas da xornada ata as 09:00 horas do día seguinte por parte do BOM. Nós colleremos os datos recollidos dentro das 24 horas que nos corresponden e faremos a suma. Polo tanto, ese rexistro será distinto o dato que o BOM almacena nos históricos do mes. Por mor disto, o dato da pluviosidade non necesitará verificación na távoa mensual.

A competición dará comezo o domingo día 5 de abril, con aposta o día venres 3 e finalizará o 7 de xuño de 2020. As xornadas serán os domingos, con apostas o venres antes da 24:00 horas. Para máis información, pasa pola páxina de Regulamento. Tamén podes poñerte en contacto no correo electrónico da páxina: eltiempoentuojete@gmail.com

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *