Etapa a de Lira sen grandes sobresaltos, con altas puntuacións na maioría dos casos e onde poucos trocos se produciron nos valores recollidos ó longo do día.
O primeiro dato en estabilizarse foi o da temperatura mínima, que quedou en 15º C. redondeados dende o inicio da etapa, na madrugada. Cara o abrente foi o refacho de vento o que deixou o valor definitivo con 31 km/h. A sorpresa, por dicir algo, foi o reconto de chuvia recollida, que chegaba a 1 litro nesa franxa horaria. E na hora do vermú acadábase a temperatura máxima definitiva cun valor de 16.6º C., redondeando a 17º C.
O que non se agardaba con estes valores tan mornos era un vencedor en soidade. As estapas planas en Lira, ó carón do mar, adoitan ter multitude de gañadores a compartir a vitoria. O trunfo semella estar baseado en mallar o refacho de vento, amais dunha boa combinación do resto de parámetros. Os que prediciron o litro de auga non aproveitaron a situación.
Coa puntuación máis alta, 58 puntos, temos o mesmo gañador da anterior etapa. Verducido perdeu un punto nas temperaturas e outro na pluviosidade, pero cravar o refacho déulle a vitoria final. Esta segunda vitoria consecutiva achégao a só 3 puntos do liderato e a 1 do segundo posto, amais de alonxarse un pouco da 4ª clasificada. Apértase a xeral pola parte alta.
Un punto menos, 57, fixo Magor, debutante na competición que estivo a punto de levar o trunfo cunhas grandes prediccións, semellantes a Verducido pero con un refacho distinto que lle fixo perder ese punto que os diferenciou. Circula polo posto 26 pero collerá folgos para próximas datas.
Detrás del, con 56 puntos, Xowi, Popolo, Lukas, Botikas e Punteiro. Botikas segue no 2º lugar e rouba un punto ao líder, do que está a só 2 puntos. Xowi segue ó pé do Top-10 pero agora a somentes 1 punto da porta. Popolo está nese grupo que tamén se achega o Top-10 e mantén unha boa xeira de resultados. Lukas peta na porta do Top-20 recuperándose dos malos resultados das derradeiras 2 xornadas. O mesmo comentario para Punteiro, ainda que este ven de entrar no Top-30 da xeral.
E ata un total de 10 xogadores acadan os 55 puntos en Lira. Rasdgar, Breogán77, Balboa, Erdogan, Beocha, Mutombo, Kaltxon, Mingos, Sarabia e Mjölnir. Longo sería explicar a vosa situación polo que podedes buscarvos nos resultados da etapa en Lira.
A Clasificación Xeral segue comandada por Kaltxon, cos lobos Botikas, Verducido e Mina pisándolle o calcañar. Tentando pechar o burato cos principais están Beocha, Breogán77, Landrán, Mutombo, Marius e Compoñente Sur, que completan o Top-10 dos mellores.
Para acadar toda a información recabada en Lira, a 9ª etapa da Liga da Inverneira, pica no enlace que deixamos embaixo estas letras.