A 9ª xornada da Liga da Inverneira semella ser unha pausa despois de mes e medio de chuvia ininterrumpida coa entrada de diversas borrascas atlánticas e que fixeron da competición un inferno para uns/unhas e un exercicio de revalorización para outr@s. Pero ainda estamos a rematar o primeiro terzo do campionato e ainda que as diferenzas semellan imposibles de pechar, o certo é que pódese repetir a historia pero o contrario. Calquera pode volver a ocupar prazas de privilexio se ten o acerto necesario. E os mesmos que hoxe están no cumio mañán pódense ver coa soga na gorxa. Todo isto é para que non vos desanimedes se estades nunha posición que non vos gusta. Todo pode mellorar, preparando ben as etapas e, coma consello, non deixar para última hora a materia do exame. Cántas veces volo dixo o profesor…
Pois ben, hoxe é deses días para non perder moitos puntos, nunha xornada, a de Lira, aparentemente sobre seco, sen moito vento e con temperaturas agradabeis e sen moita dificultade preditiva. Pero precisamos un/unha gañador/a e iso xa é bastante aliciente para desputar coma sempre (ou máis) outra marca na culata do revólver.
As temperaturas máximas oscilan entre os 16 e os 20º C. As mínimas encádranse entre os 9 e os 15º C. Pouca auga nas casiñas dos apostantes. Somentes 4 xogadores apostan por algo de chuvia, entre 1 e 2 litros cunha aposta temeraria de 6 litros. Polo que respecta órefacho de vento, atopamos valores dende os 9 ata os 51 km/h. É o parámetro máis aberto de todos.
Se pensas que podes levar o trofeo no concello de Carnota ou rebaixar ou aumentar a renda sobre os persecutores, non podes deixar de seguir a etapa ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta madrugada. Durante o domingo estaremos verificando datos ó longo do día coa información máis actualizada. Tamén podes consultalos valores recollidos no menú principal, no Acceso rápido. Buscamos un nome e pode ser o teu!!