Un penedo sen galo (nin galiña)

Despois dunha primeira xornada na que fixemos por crer que eramos semideuses, o Penedo do Galo volveu poñernos os pes na terra, ou, se cadra, enterrounos en humidade. Temperaturas baixas, gran cantidade de auga e un refacho de vento poderoso ensinóunos que o respeto hai que gañalo e, de momento, vai quedar no concello de Viveiro. En Corrubedo apenas algún meteoludópata baixaba dos 50 puntos, pero no Penedo a puntuación máxima foi de 43 puntos miserentos, ainda que suman na Clasificación Xeral e son benvidos pola gañadora.

Houbo que agardar ata a derradeira hora da tarde para atopar a temperatura mínima definitiva, fixada en 12º C. No mediodía acadábase a máxima con 17º C. Comezou a chover de madrugada e na sobremesa o pluviómetro amosaba 7 litros, pero entre as 6 e as 7 desa tarde acumuláronse case 12 litros máis e no remate do día o reconto final daba un resultado de 24 litros. Xa nas primeiras horas da madrugada os refachos de vento chegaron ata os 92 km/h. onde (case) ninguén se atrevera a predicir.

No reconto de puntuación atopamos a unha reincidente de Corrubedo. Mina sumou 43 puntos para levar a etapa en soidade e manter o liderato da xeral. Semella que estamos ante o inicio dunha nova etapa de gloria para esta histórica xogadora de eltiempoentuojete. Ainda que os seus resultados en vento e chuvia non foron os mellores, a súa puntería nas temperaturas dóulle unha nova vitoria en soidade e a cacheira da xeral. Entre o malo, a mellor.

Arrebatóulle a vitoria a Landrán con 42 puntos, que con un refacho magnífico tiña tódalas papeletas para a vitoria, pero esa caida final das temperaturas deixóuno no segundo posto da etapa e da xeral, no que supoñe un inicio potente deste xogador que en varias ocasións estivo ás portas do seu primeiro título. Semella que este ano pode ser o seu.

Botikas ven 3º, con gran prestación nas temperaturas e no refacho e un pouco menos na chuvia acadou os 41 puntos e comparte posición de subcampeonato con Landrán. Como non podía ser doutra forma, xa o temos entre os mellores.

Tamén comparte ese segundo posto Verducido con 40 puntos, outro que non podía faltar na cacheira da xeral. Resultados mediocres en tódolos parámetros pero suficiente para manterse nese Top-5. Mesma puntuación para Magor, que adopta o Top-6 na clasificación e tamén presenta credenciais neste seu segundo ano de competición. Agardamos sorpresa…

39 puntos para Kalandrakas con gran aposta en chuvia e bastante mala en vento, pero que lle fai redimir dunha etapa inaugural nefasta que precisaba dunha vinganza. Agardamos velo no alto en futuras xornadas.

E 38 puntos para colocar a Popolo no 5ª lugar da xeral, onde fai tempo que non se atopaba este decano da competición. Ben nas temperaturas e mediocre no vento e na chuvia, pero suficiente para pasar por riba de moit@s dos pretendentes ó título da Inverneira. Levamos tempo agardando por el…

Estes son os 8 mellores marcadores na 2ª etapa da XI Liga da Inverneira. Para coñecer tódolos detalles da etapa de Penedo do Galo, pica no enlace que amosamos baixo estas letras.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *