Nesta 4ª xornada da Liga da Inverneira seguemos a pensar se realmente rematou o vran. Catro gotas acumuladas neste mes de outubro, temperaturas máximas case inconcebibles semana tras semana, mínimas que non permiten durmir con manta agás nas provincias de Lugo e Ourense e un tempo solleiro, con ventos mornos e mañanciñas xeitosas. Este resumo válenos para establecer vínculos co acontecido en A Armenteira este mesmo domingo, onde os valores semellan os de un final de agosto.
A temperatura mínima non se acadou na madrugada, senón xa ben entrada a noitiña con 13º C., alta para estar a mediados de outubro ainda estando ó carón do mar. Na sobremesa acadóuse a máxima diaria con 26º C., outra proeza a estas alturas. A presencia da chuvia estaba cantado que sería inexistente, como así foi. O vento marcou un refacho máximo de pouca consideración na madrugada con 22 km/h.
Froito destes datos atopamos un único vencedor, tamén cousa estrana. Kaltxon acada a súa segunda vitoria consecutiva con 58 puntos, desta vez en soidade, con gran egoismo san. Somentes deixou dous puntos atrás, en temperatura máxima e no vento, o que fala marabillas da súa predicción. A consecuencia disto, asume o liderato da xeral cunha renda nada desprezabel de 3 puntos sobre o antigo líder. Postúlase coma gran aspirante xunto a Botikas, Verducido e, por suposto, Magor, á espera das chuvias.
57 puntos para Rasdgar nunha gran xornada, onde só pecou lóxico con respecto á temperatura máxima. Pena do lastre collido na 2ª etapa, coma moit@s competidores. Ainda que navega polo posto 16, as sensacións que deixa son mellores que o que dicta a súa posición.
Ata 5 participantes comparten a 3ª mellor puntuación en A Armenteira, 56 puntos. A Xowi válelle para ascender ata a 6ª praza, afincándose no Top-10. Popolo colle confianza e escala ata a derradeira praza do Top-10, seguido de moi pretiño dun Michi que semella renacido nesta 12ª edición. Julio segue trepando pola xeral e xa se atopa na 13ª posición compartida. Lume, cun inicio un tanto frouxo, váise recuperando e acada o posto 25 compartido.
Con 55 puntos atopamos a Kalandrakas, que ocupa un meritorio 19º posto, Rasta compartindo a 6ª praza, Bar Pequeno, que segue a loitar contra unha etapa perdida e dentro dos destacados da xeral, Modesto coma podio de bronce e Beocha na 4ª praza asexando ós mellores da táboa.
Estes foron os 12 mellores competidores nesta etapa de A Armenteira. Para acadar tódolos datos recollidos na terceira etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.