Traballaba cando quería, atrasaba os datos por horas, quedaba en branco, agachaba os datos… este foi o comportamento o domingo da estación meteorolóxica de A Armenteira, no concello de Meis. Impropio dunha axencia coma Meteogalicia. O mellor que podemos dicir é que moito despois do final do día, presentou datos válidos.
As temperaturas tiveron unha amplitude térmica mínima, cunha máxima de 18º C. e unha mínima de 16º C. Anotóuse no pluviómetro 1 litro de auga, moi distante dos preto de 80 litros do día anterior. O refacho foi o parámetro máis madrugador, acadando os 48 km/h.
Facendo contas, temos unha gañadora en soidade con 58 puntazos. Lume quedou coa etapa para ela sosiña. Mallou a chuvia, o refacho maila temperatura mínima, deixando 2 puntos na máxima. Chega ás 28 vitorias históricas, co premio engadido de gabear ata a segunda praza da xeral, compartida por vari@s meteoludópatas a só tres puntos do líder. Noraboa pola fazaña!!
3 argallantes sumaron 57 puntos. Magor, no seu segundo ano de competición está a amosar gran calidade e trepa ata esa 2ª praza compartida facendo tremer a moit@s meteoludópatas de competencia contrastada. Poderá aguantar o ritmo? Julio, despois dun gran varapau na 2ª xornada semella recuperado nestas derradeiras duas xornadas e xa conparte a 11ª praza disposto a ingresar no Top-10. Será este o seu ano máxico? O que xa ostenta esa praza entre os 10 mellores é Marius, outro que leva tempo metendo medo sen final feliz. Pode ser merecedor da coroa? Estes tres xogadores son do máis prometedor deste ano…
Xowi ou o canadiano errante é unha das vacas sagradas de eltiempoentuojete que semella en horas baixas nas derradeiras competicións. Sitúase ás portas do Top-10 e seica quere revertir unha cadencia de ausencia de títulos que xa dura demasiado. 56 puntos.
Por tras, outros 3 aspirantes con 55 puntos. Rasdgar acada o últimi chanzo do Top-10 e, tamén con pouca experiencia quere dar un paso adiante e non perder comba cos novos valores da meteoroloxía amateur. Bar Pequeno, despois da ausencia en Oia semella co tino listo para voltar a unha élite na que ingresou no pasado vran. Ainda que no fondo da xeral, moito queda e debería demostrar melloría remontando ou engadindo vitorias. E o actual Nubeiro témolo en Landrán, líder en soidade con 3 puntos de vantaxe sobre o resto dos mortais e metendo o medo nos corpiños dos máis senlleiros meteorólogos amateur de eltiempoentuojete. Leva tempo rondando a fazaña e semella que desta vez vai en serio. Pero moito, eh? De momento comanda a competición con man de ferro e non parece doado sacalo do seu lugar de privilexio. Veremos como se comporta coa presión no seu lombo.
Estes foron os 8 mellores marcadores da 4ª xornada desputada en A Armenteira.Para acadar toda a información referente á etapa, preme no enlace que dispoñemos baixo este texto.