Como xa predicimos no prólogo esta xornada de Ventosa non venta nada. Imos ter que trocarlle o nome por Calmuza ou Calmosa se nos atemos os datos rexistrados neste parámetro este domingo. Ademáis, esa falta de vento non resultou na conseguinte e agardada xiada e tampouco a falta de nubosidade se traduciu en temperaturas altas no mediodía. En fin, xornada con valores altos nas puntuacións, con apenas dous participantes por baixo dos 50 puntos, que sí apostaron pola xiada, as altas temperaturas e o vento medio-forte.
A temperatura mínima acadóuse na madrugada con 4º C. Na derradeira hora da sobremesa acadóuse a máxima diaria con 12º C., preto dos 13 pero sen acadalos. A presenza da chuvia era dubidosa, e apenas caeu 0.1 litros que deixa un redondeo de 0 litros, ainda que non houbo puntos que chorar nese parámetro. O vento marcou un refacho máximo de baixaconsideración, con uns miserentos 20 km/h.
E nesta situación volveron destacar os inquilinos do máis alto da clasificación. Os tres vencedores en Navia de Suarna están entre os 4 mellores da xeral, sumando 58 puntos no seu peto. Kaltxon e Landrán aumentan a súa vantaxe sobre a 3ª clasificada, Beocha, quen tamén sinte o alento do outro vencedor, Julio. Estes 4 están nunha marxe de 13 puntos e xa collen unha distancia sinificativa co resto de competidores. Se continúan con esta consistencia poden alonxar ainda máis os grandes xogadores ameazantes con pedigrí.
Aventaxaron a tres Top-10 e unha Top-15 nesta xornada. Con 56 puntos entraron a 3ª clasificada, Beocha, que mantén o tipo despóis deste ataque por riba e por baixo. Verducido consolida a 6ª praza pero sen achegarse ó 5º, Botikas. Pola súa parte, Rasta, nunha das súas mellores tempadas, rabuña a 8ª praza de Marius e ameaza seriamente á 7ª de Modesto. Por tras, Lume acada o Top-15, subindo 3 posicións nas derradeiras 2 xornadas.
E con 55 puntos atopamos ó “goat” Botikas, perdendo comba para un novo título, a Xowi, loitando por manter ó Top-10 e incluso con ansia de agatiñar por el, e a Rasdgar, que tenta de apañar no propio Xowi para entrar neste Top-10 tan esixente coma sempre.
Estes foron os 9 competidores mellor situados nesta etapa de Ventosa. Para acadar tódolos datos recollidos na 13ª etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

