A xornada de West Palm Beach deixa todo por decidir para a etapa final en Orlando. A temperatura mínima quedou moi alta, en 26º C. Imaxinamos unha noite tropical, ainda que as treboadas non descargaron máis que tronadas e un par de pingas de chuvia, insuficientes para marcar algo máis que un 0. As temperaturas máximas acadaron os 32º C., deixando ó líder en evidencia. O refacho de vento foi moderadamente forte, chegando ata os 45 km/h. na actualización definitiva.
Desta maneira obtivemos 4 gañadores ó unísono con 58 pts. Nanuq, Jose Lopez e Sarabia amolaron as navallas e entran en disposición de gañar o título, con 4 puntos de retraso os dous primeiros e 5 no caso de Sarabia. Tamén acada vitoria Aki, que queda nos límites do Top-10 a 8 puntos da cacheira da clasificación.
Con 57, Xowi e Compoñente Sur recortan un punto co líder, quedando respectivamente a 1 e 2 pts. de distancia. A mesma puntuación que Marius e Kaltxon, na parte media da clasificación xeral. Kalandrakas tamén aporta 57 pts. e, ainda que tarde, vai asomando a cachola fora do lodo purinesco.
E ata 8 apostantes chegaron ata os 56 puntos, con Breogán77 á cabeza dun grupo que compretan Iago, Víbora, Michi, Modesto, Beocha, Botikas e Julio.
A clasificación xeral segue comandada por Breogán77 cun punto de vantaxe sobre Xowi e dous sobre Compoñente Sur. Nanuq e Jose Lopez asoman 3 pts. por tras. Sarabia a 4 pts. e Iago a 5. Víbora e Michi, 6 puntos de retraso. Modesto, a 7 pts. pecha o Top-10 máis apertado, con destino a unha derradeira xornada de emocionante final en Orlando. Calqueira destes meteoludópatas está en disposición de levar o título á sua vitrina. Preparade a xornada final coma se fora un exame psicotécnico. Moitos son descoñecidos no Olimpo meteoludópata de eltiempoentuojete e xa sabedes que a entrada vai moi cara e non se permiten as zapatillas deportivas brancas. Ou sexa, vestídevos a modiño que imos con prisa…
Se queres contrastar todo o sucedido na penúltima etapa da Liga de Primaveira 2021, en West Palm Beach, pica no enlace embaixo exposto.
A OjeteQuake cedo comezou a tremer a terra por riba dos 5 puntos de Magnitude. Cara a 01:30 xa se rexistraba un sismo de 5,3 Mg. no risco Atlántico, no oeste do Golfo de Guinea, nas Illas Ascensión. Pero entrou en conflicto co acontecido cara as 05:00 horas en Irán. O competidor máis preto apuntaba á prevalencia do sismo en Oriente Medio. Máis de 12 horas máis tarde tremía o chan en Wallis e Futuna, entre Samoa e Fiji. Con unha magnitude de 5,6 semellaba case definitivo. Pero á falla de menos de 45 minutos para o remate do tempo límite, un novo terremoto situaba a cota de magnitude en 5,7 e situando o epicentro nas Illas Kermadec, ao norte de Nova Zelanda.
Lume leva a etapa en soidade, que xa comandaba antes deste derradeiro sismo. Non lle aporta nada á súa clasificación xeral, pero sí para engadir unha nova vitoria e lamber algo doce nun ano para esquecer.
22 puntos por tras entrou Punteiro, que apostou na mesma zona do sur do Océano Pacífico.
Con 50 puntos menos atopamos a Balboa, Víbora e Lukas.
Na Clasificación Xeral Víbora colle o liderato, con Jose Lopez na segunda praza e Breogán77, ainda que destronado, mantén o peldaño baixo do podio.
Se queres compretar a información da 9ª xornada da OjeteQuake 2021, preme no botón exposto embaixo.