Aborrecid@s do anticiclón

Terceira semana de competición en xaneiro e comezamos a botar en falta a chuvia que define o noso país. A estación de O Cebreiro marcou a sua temperatura máxima máis alta das recollidas nos derradeiros anos de xogo. A etapa comezaba deixando unha temperatura mínima moi alta na madrugada do domingo. Quedou establecida en 4º C., deixando en evidencia á gran maioría de participantes. Xa na mañanciña o sol quentaba duro e no mediodía acadóuse a máxima histórica en O Cebreiro, 15º C., un valor moi por riba do apostado polo conxunto de meteoludópatas. O vento deixou o refacho máximo no abrente do día con 33 km/h. Despois do mediodía os refachos caeron en picado, o que fixo que a temperatura mínima baixase á conta da xeada, marcando 1º C. que contentaba a moit@s xogadores que recuperaban algúns puntos.

Esa derradeira actualización na temperatura máxima decidiu que o gañador fose en soidade e que recaese en Verducido. Terceira vitoria nesta edición de liga e cuarta en O Cebreiro para o novo líder, aproveitando a perda de puntos de Xowi. Perdeu 2 puntos na máxima, pero o pleno no vento deixóuno na cacheira da clasificación da xornada.

No segundo chanzo da xornada atopamos ata 6 participantes, varios deles na loita polos postos de honor. Botikas, Julio, Aki e Nanuq buscan mellorar dentro do Top-10 e ainda están en disposición de levar a vitoria final. Kaltxon tivo en xaneiro un desenvolvemento alto, cunha media de puntuación de 57 nas derrdeiras 3 etapas. Jose Lopez promedia 55 no mesmo tramo de tempo e mantén a plaza 20 na xeral.

Moit@s foron tamén @s que acadaron a terceira marca da xornada. Beocha acosa a Xowi na segunda plaza e Popolo mantén o Top-10. Marius e Modesto sitúanse na fronteira dese mesmo Top. Compoñente Sur e Breogán77 manteñen opcións cara o Top-20. Mjölnir e Zalamera navegan máis aló do posto 30.

A xeral volve trocar de líder, con Verducido tres puntos por diante de Xowi, espoleado por Beocha na terceira praza. Botikas ten un burato de 7 puntos ata o podio e Julio segue de preto a éste último. Juanito,Caminante volve perder puntos no anticiclón e semella que chama ó bruxo pedindo borrascas. De preto segueo Nanuq, con Aki a 5 puntos na 8ª praza. Un só punto por tras atopamos a Sarabia e Popolo, pechando o Top-10, ainda que azuzad@s por perigosos aspirantes.

Se queres coñecer de preto o acontecido na 19ª etapa, en O Cebreiro, pica no enlace embaixo estas letras.

  • Nos próximos días publicaremos as estadísticas correspondentes á competición do mes de xaneiro na Liga da Inverneira de Galicia.

Saúde e sorte!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *