Fin de ano no Alto do Rodicio para os apostantes de eltiempoentuojete. E despois de mudar as prediccións durante toda a semana semella que imos ter unha xornada ben movida. Agárdase chuvia e vento no inicio da xornada que ira dando paso a neboas matinais, tempo solleiro cara o mediodía e posibilidades de baixas temperaturas cara a noitiña. Pode ser unha oportunidade de mellora cara o ano vindeiro ou, en caso contrario, de plantexar novas estratexias para o 2024. Todo remata e comeza unha vez máis. Ciclos da vida.
As apostas en temperatura máxima amosan prediccións que van dende os 4 ata os 10º C., cunha aposta que se eleva ata os 15º C., máis propia do vran. No que respecta ás temperaturas mínimas, van dende os 0 ata os 4º C. As cifras que se manexan na pluviosidade son dispares, entre os 2 e os 10 litros. No que atinxe ós refachos de vento, atópanse entre os 20 e os 79 km/h., sendo un dos parámetros con máis amplitude.
De acordo a estes datos semella que imos vivir unha gran xornada con emoción ata o derradeiro suspiro. Non deixes de axexar os movimentos da etapa ao vivo dende este enlace, que comezará a traballar cara as 01:30 desta mesma madrugada e en horario continuo a partires da mañanciña do domingo. A derradeira etapa do ano xógase en direto en eltiempoentuojete. Non a perdas, xa que has de estar esperto ata tarde!!