Xornada chuviosa na 4ª etapa da X Liga de Primaveira no seu primeiro contacto con terras itálicas do norte. O Lago de Como foi testigo do troco no liderato da xeral e do ascenso e descenso de moit@s meteoludópatas, coa chuvia coma protagonista, xunto a un vento frouxo e unhas temperaturas baixas e con pouca amplitude térmica.
A noite comezou chuviosa e xa de mañanciña o pluviómetro sinalaba máis de 15 litros, cunha temperatura alta que situou a mínima en 8º C. No mediodía acadábase a máxima de chuvia con 17 litros redondeados e unha temperatura máxima de 12º C. O refacho tamén marcou o seu máximo antes do mediodía cuns miserables 7 km/h.
Con estes datos somentes temos a tres supervivintes da masacre que acadaron os 50 puntos. Trio de gañadores composto por Landrán, Lume e Marius. O novo líder, Landrán, foi o que menos puntuación anotou na chuvia dos tres trunfadores, pero o resto dos seus parámetros estivo moi equilibrado. 14 puntos en auga, 18 en temperaturas e outros 18 en vento colócano como cacheira da xeral e, de non ser impuntual, pode ser un novo inquilino no Olimpo meteoludópata. Veremos se os deuses son puntuais ou non. Marius entra no Top-10 á conta dunha boa aposta en chuvia e puntuacións medias en temperatura e chuvia. Engade unha vitoria e reclama un lugar entre a élite. Haberá que seguilo con atención. E xa facía tempo que non viamos gañar a Lume, entre as grandes de vitorias históricas. A mellor puntuación en chuvia pero mediocre na temperatura máxima e no vento. Posto 14 para ela pero que pode ser un punto de inflexión para esquecer o mal resultado da Inverneira.
49 puntos para Kaltxon, que despois de comezar frouxo semella coller o ton no Adriático e xa o vemos acampado no Top-10. Para mal comezo o de Popolo, frouxo e penalizado que sae da poza séptica para chegar o 17º posto e reivindicar un status que o presenta como gañador da 2ª edición da competición de Primaveira.
Tamén iniciaron con mal pé os que ostentan 48 puntos. Modesto crece coma as estrugas de primaveira e empata na derradeira praza do Top-10. Balboa ven dun inferno de malas puntuacións e semella dar un paso adiante nesta edición.
Estes foron os sete mellores nesta primeira xornada italiana. Para coñecer tódolos detalles do acontecido en Falchetto, no Lago di Como, pica no enlace que aparece baixo este texto.