Iso é o que semella en Galicia nas derradeiras datas, que alguén deixou a porta aberta a toda canta borrasca atlántica se achegue ás nosas costas. Esta semana temos duas con nome, ou sexa, das que meten o medo no corpo e que as axencias meteorolóxicas determinan coma “potencialmente perigosas“. Xa marchou Ciaran, que deixou acumulados de chuvia de máis de 100 litros en algunhas zonas e con ventos por riba dos 100 km/h. As estacións de Lardeira e O Xistral marcaron refachos superiores ós 160 km/h.
Pois agora tócalle o turno a Domingos, que chega este sábado coas mesmas características que a súa irmá. Quizais con menos chuvia pero con ventos que a esta hora da mañá xa rexistraron 155 km/h. en Punta Candieira. Nós non xogamos na costa nesta xornada pero coa baixada das temperaturas, a chuvia e o vento temos por diante outra oportunidade para a redención ou o fracaso absoluto. En eltiempoentuojete temos o noso propio Domingos. Depende del que sexa unha premonición.
Actualización: O Xistral acadou os 173 km/h. as 13:00 de hoxe!!! Ver Valores extremos de hoxe en Meteogalicia
Non semella que teñamos as diferenzas que houbo en Serra da Faladoira, pero a Clasificación Xeral voltará a rexistrar trocos importantes, tanto en ingresos ou desaloxos no Top-10 coma en diferenzas de puntuación insalvables (ou non). Antes do comezo xa temos a un Top-10 con penalización. Lukas chegou tarde e moit@s son os persecutores que xa frotan as mans. Pero con valores tan altos nas apostas esa penalización pódese ver atenuada, polo que non se pode cantar vitoria antes de tempo.
Os valores para a temperatura máxima van dende os 10 ata os 15º C. Para a temperatura mínima oscilan entre os 6 e os 12º C. Moita amplitude nos dous casos. As apostas de pluviosidade móvense entre os 6 e os 60 litros, moita diferenza tamén neste apartado. Polo que respecta ós refachos de vento, atopamos valores que van dende os 18 ata os 120 km/h. Falan por sí mesmos…
Con estas apostas e a chegada de Domingos temos ante nós unha desas xornadas atormentada durante o seu desenrolo, con xente agardando por máis e outra desexando que chegue o remate do día. Podes (e debes) seguila ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada, con seguimento contínuo dende a mañanciña do domingo. Séguea con nós e non rabuñes moito o sofá, que é novo!!
As apostas:

