Chorar, chorei o domingo á tarde

Impresionante xornada a desputada no domingo no campo de batalla de Cequeliños, no concello de Arbo, na fronteira cós nosos amigos lusos. Quitando o parámetro do vento, que quedou finiquitado nas primeiras horas do día, a chuvia caeu paseniño ata case os derradeiros momentos da xornada, coas temperaturas tamén mudando nesa franxa final.

E foi esa chuvia final a que deixou a Mingos sen unha vitoria profética augurada polo seu padriño, a borrasca Domingos. Mallara a pluviosidade ata que un derradeiro litro de auga deixóuno no segundo lugar por tras do vencedor final e novo líder da Liga da Inverneira.

A temperatura mantívose nos 10º C durante gran parte do día e acadou o seu máximo de 13º C. na hora do xantar. Tivemos que agardar ata o momento final para marcar a mínima de 9º C. Como dixemos o vento foi tempraneiro, cunha case miserable cifra de 34 km/h., insignificante para as condicións de vento que auguraba Domingos. Tampouco é de estrañar coñecendo a fochanca na que se ubica a estación de Cequeliños, na ribeira do río Miño. A chuvia foi pouco constante pero incesante. Tanto botaba duas horas sen chover como caían 6 litros en 20 minutos. Cara o final da xornada o pluviómetro acumulaba 38 litros redondeados, preto da media das apostas realizadas.

Con todos os datos na man temos a un gañador en soidade, Kaltxon, con 56 puntos. Mallou a chuvia, perdeu un punto na temperatura e deixou 3 puntos máis no vento, onde moit@s deixaron moito máis. E como agasallo engadido, o liderato da Clasificación Xeral. Xa podes estar fachendoso co resultado, mirando ó resto de participantes dende alí enriba. Noraboa!!

Por tras, con 55 puntos, o afillado do temporal, Mingos. Resultado semellante ó de o vencedor, pero con máis tino no vento e un pouco menos na temperatura. Ainda así pode presumir de ledicia subindo dende a posición 11 ata a 5ª praza e postulando á vitoria final.

Con 54 puntos a debutante Néboa e o veterano Víbora. Quedan os dous ás portas do Top-10, recuperándose dun compricado inicio de competición.

53 puntos para Landrán e Verducido, con boas apostas en auga e un pouco menos no vento.Os dous chegan dende postos anteriores o Top-10 e entran de cacheira no mesmo, con renovadas forzas na loita dos mellores.

Con 51 puntos atopamos a Kalandrakas, Mina e Breogán77. Para Kalandrakas e un plus da confianza perdida que o ten metido nas derradeiras prazas da xeral. Breogán77 non sae do Top-10 e agora agarda o faio de Kaltxon dende a segunda praza. Mina, co mesmo caso, acecha dende o cuarto posto.

E 50 puntos para Botikas, Patoloco, Rasdgar e Budainca. O vello campión sube ata a terceira praza da xeral, ratificando o seu estatus. Patoloco e Rasdgar, debutantes, collen novos folgos para asentarse na competición e demostrar quén son. Budainca circula pola parte media-baixa da clasificación e ainda ten marxe de mellora pola sua experiencia na predicción meteorolóxica.

Ata aquí os 13 mellores clasificad@s na 7ª etapa da Liga da Inverneira, en Cequeliños. Para acadar a totalidade dos datos recollidos pica no enlace que deixamos baixo estas letras.

Saudos e sorte!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *