Fíxose de rogar a axencia americana NOAA á hora de publicar os datos finais da 2ª xornada do Torneo de Vran en Alaska. Finalmente témolos no noso poder…
A xornada foi o que se agardaba, unha sucesión de chuvia pequena que foi enchendo o pluviómetro da estación meteorolóxica de Yakutat. As temperaturas non mudaron de 9º C., que foi a mínima do día, ata a sobremesa, cando acadaron os 12º C. definitivos para a máxima. A cantidade final de chuvia recollida ascende a 29 litros, algo menos que o que arroxaban as contas de valores minutais. O refacho de vento nesa táboa amosaba 28 km/h., que foi modificada na lectura definitiva ata os 31 km/h.
Somentes 8 participantes superaron os 50 puntos, pero ainda máis xogador@s non chegaron nin ós 40 puntos, entre eles varias vacas sagradas con moita competición ás súas costas.
A vitoria foi compartida entre Nanuq, que colle o mando da clasificación xeral, e Kalandrakas, que cos puntos acadados entra no Top-16 a pesares da penalización na xornada inaugural. 54 puntos foron os conseguidos polos gañadores. Con 53 puntos entra Punteiro no Top-5, con boas marcas nos tres parámetros. Víbora aporta 51 puntos no casilleiro e colle o terceiro paso do podio. Ocandepavlov tamén entra no Top-5 por mor dos 51 puntos recollidos. Con 50 puntos, Zalamera, Botikas e Lukas tamén collen lugar no Top-10, con Botikas no segundo posto. Aki, con 48 puntos e Oscar e Sarabia con 47, pechan os 11 mellores en Yakutat.
Na xeral, o podio está ocupado por Nanuq, Botikas e Víbora, nesta orde. Na parte final dos que acceden á Ojete’s Cup, en perigo, están Breogán77, Oscar e Kalandrakas, se ben estes dous últimos acaban de arribar ás posicións de compromiso.
Se queres coñecer tódolos detalles do acontecido na 2ª etapa do Torneo de Vran, desputada en Yakutat, pica no enlace embaixo exposto.
Na OjeteQuake, tivemos unha xornada de perfil baixo, cunha magnitude máxima de 5,3 Mg. O sismo, localizado en Alaska, podería afundir a algúns apostantes, pero tivo lugar no oeste das Illas Aleuterianas, máis preto do Xapón e da maioría de apostas. Sarabia obtivo a mellor localización da xornada, acadando 490 puntos, a unha decena do pleno. Por tras, Verducido con 458 pts. na mesma zona pero moi por riba na magnitude. Zalamera con 452, dende Xapón, acada o terceiro posto.
Para acceder atódolos datos da 14ª etapa da OjeteQuake, preme no botón embaixo estas liñas.