Día eslamiado en Ponte Caldelas

Xornada un pouco aburrida a desputada en Ponte Caldelas esta fin de semana. Despois do paso de sucesivas borrascas nos derradeiros días e na espera dunha nova fronte para a tarde do domingo, ésta pasou a zoar pola costa occidental e somentes fixo aparición en terra nas postreiras horas da noite.

Comezaba fria a xornada marcando unha mínima de 9º C. Tamén nesas primeiras horas acadóuse o maior refacho de vento da etapa, uns miserables 12 km/h. que xa non se moverían ata o final do día. Antes do abrente aparecía a chuvia deixando pouco máis dun litro e tivemos que agardar ata o final da xornada para sumar un total de 3 litros, insuficientes para a maioría dos participantes. Para o dato da temperatura máxima fomos ata a sobremesa, onde se acadaron os 16º C. presentes en moitas das apostas do venres.

Punteiro levou a voz cantante coma solista durante a maior parte da xornada, grazas o baleiro no pluviómetro, pero víuse obrigado a compartir a vitoria pola chuvia caida no final do día. Balboa mallou a pluviosidade pero perdeu 2 puntos en temperatura, na que Lukas foi implacable e ainda que perdeu 2 puntos de chuvia chegóulle para conpartir o triunvirato en Ponte Caldelas con 56 puntos. Os dous entran no Top-5 da xeral con claras intencións de non sair deses postos de honra. Punteiro chega ata o posto 26 tratando de esquecer as penalizacións colleitadas por tardoso. Mención especial para Nevoa, rookie neste seu primeiro contacto coa Liga, que tamén compartiría premio se non fora pola penalización por tempo.

55 puntos foron os acadados por Landrán e Compoñente Sur, que despois de mallar as temperaturas colle o liderato da xeral con 3 puntos de marxe sobre o segundo. Landrán atinou na chuvia e asoma a cacheira no Top-20 da Clasificación.

Mina e Bar Pequeno suman 54 puntos en Ponte Caldelas, un pouco castigados pola chuvia pero con boas apostas en vento. Mina entra no Top-20 mentaras Bar Pequeno está a 3 puntos do líder, compartindo a segunda mellor puntuación da competición e semella o seu mellor ano desde que compite en eltiempoentuojete.

Marca de 53 puntos para Modesto, que segue nunha progresión positiva despois dun inicio para esquecer e sitúase ás portas do Top-20, no posto 23.

Michi, Nanuq, Lume e Botikas acadan 52 puntos nesta 5ª etapa, perdendo puntos na sua maioría na auga. Michi e Botikas xa presumen de Top-10 mentras Nanuq xa está preto do Top-20 e Lume no Top-30, tamén con penalizacións que semellan no esquecemento.

Ata eiquí os 12 mellores clasificados na etapa de Ponte Caldelas, 5ª da X Liga da Inverneira de Galiza. Se queres acadar tódolos datos obtidos nesta etapa, pica no enlace que deixamos embaixo estas letras.

Saúde e sorte!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *