Sorpresa no Verdugo

Moi competida a etapa de Ponte Caldelas, co río Verdugo coma testemuña da perplexidade coa que nos deixaron as puntuacións de varios competidores da zona baixa da xeral. En conxunto grandes puntuacións con marcadores unanimemente por riba dos 50 puntos, polo que damos a noraboa a tod@s @s meteoludópatas que se presentaron nesta 5ª xornada da Liga da Inverneira.

A temperatura mínima acadóuse na madrugada baixando ata os 10º C. No mediodía elevóse ata os 17º C, que marcaron a máxima diaria. Tamén na madrugada choveu ese litro que moit@s pronosticaron. Agardábase máis vento pero tivemos que contentarnos con un refacho de 28 km/h. que os mellores da etapa celebraron.

Ainda con apostas tan igualadas temos un vencedor en soidade que asoma das profundidades da clasificación. M. B. Joaquín sumou 58 puntazos deixando pleno en temperaturas e chuvia e perdendo 2 puntos no refacho. Facía tempo que non o viamos no máis alto dunha etapa e ademáis sen compartir. Desgraciadamente segue na poza da xeral, ainda que subindo ata o posto 27, abandonando a derradeira praza dos que xogaron tódalas etapas. Por suposto, Moi Ben, Joaquín!!

Con 57 puntos dous atrasados, Mingos e Pájaro perderon 1 punto en cada parámetro e semella que revirten unha situación descendente e poden soñar con sair do pozo. Mingos acada a posición 21 e Pájaro a 26. Agardamos mellora para os dous. Mesma puntuación para Botikas que colle o liderato da távoa ainda que se indique un 2ª posto, dado que a vitoria en Castro Vicaludo é un plus para avantaxar a Landrán. Volta a vaca ó millo e ó mellor come todas as mazarocas.

Con 56 puntos 4 apostantes de calidade. Lukas seica ven mellorando posicións e sitúase na 15ª praza da xeral. Con el, 3 ocupantes do Top-10. Beocha e Rasdgar o 8º e 9º lugar e non perden comba da cacheira, da que tampouco se desapega Verducido que segue a ocupar o 3º chanzo do podio.

Compartindo o liderato está Landrán, e completan o Top-10 Magor, Mina e Lume, Marius e Popolo aparte dos xa citados anteriormente.

Para acadar toda a información colleitada nesta 5ª etapa da Liga da Inverneira, pica no enlace que deixamos baixo estas letras.

Sorpresa no Verdugo Ler máis »

Na terra das troitas

A 5ª etapa da Liga da Inverneira visita Ponte Caldelas, patria das troitas, as festas e as grandes papatorias. Semella que existen dúbidas con respecto ás precipitacións, ainda non está claro se rematou a chuvia esta semana ou ainda quedou algo por tras. O que sí se agarda e unha baixada das temperaturas e un lixeiro aumento do vento co rexistrado este sábado. Coma sempre, no é doado apostar neste concello e acadar a vitoria é un logro non apto para calqueira.

As apostas en temperatura máxima van dende os 15 ata os 18º C. No que atinxe ás mínimas, temos valores que van dende os 8 a os 12º C. Nas casiñas da precipitación, a metade dos apostantes apuntan a unha seca mentras a outra metade predín chuvia pequena con entre 1 e 2 litros. Polo que respecta ós refachos de vento, atopamos valores dende os 15 e os 61 km/h.

Así as cousas podemos falar dunha gran similitude nas propostas xerais o que redundará nunha gran e emocionante xornada que deberías seguir ao vivo dende este enlace a partires da 01:30 ou 02:30, dependendo do tratamento que faga Meteogalicia do cambio de hora desta noite. A partir da mañanciña do domingo e ata o final da etapa faremos un seguimento completo do que vaia acontecendo en Ponte Caldelas.

As apostas:

Na terra das troitas Ler máis »

Unha estación trapalleira

Traballaba cando quería, atrasaba os datos por horas, quedaba en branco, agachaba os datos… este foi o comportamento o domingo da estación meteorolóxica de A Armenteira, no concello de Meis. Impropio dunha axencia coma Meteogalicia. O mellor que podemos dicir é que moito despois do final do día, presentou datos válidos.

As temperaturas tiveron unha amplitude térmica mínima, cunha máxima de 18º C. e unha mínima de 16º C. Anotóuse no pluviómetro 1 litro de auga, moi distante dos preto de 80 litros do día anterior. O refacho foi o parámetro máis madrugador, acadando os 48 km/h.

Facendo contas, temos unha gañadora en soidade con 58 puntazos. Lume quedou coa etapa para ela sosiña. Mallou a chuvia, o refacho maila temperatura mínima, deixando 2 puntos na máxima. Chega ás 28 vitorias históricas, co premio engadido de gabear ata a segunda praza da xeral, compartida por vari@s meteoludópatas a só tres puntos do líder. Noraboa pola fazaña!!

3 argallantes sumaron 57 puntos. Magor, no seu segundo ano de competición está a amosar gran calidade e trepa ata esa 2ª praza compartida facendo tremer a moit@s meteoludópatas de competencia contrastada. Poderá aguantar o ritmo? Julio, despois dun gran varapau na 2ª xornada semella recuperado nestas derradeiras duas xornadas e xa conparte a 11ª praza disposto a ingresar no Top-10. Será este o seu ano máxico? O que xa ostenta esa praza entre os 10 mellores é Marius, outro que leva tempo metendo medo sen final feliz. Pode ser merecedor da coroa? Estes tres xogadores son do máis prometedor deste ano…

Xowi ou o canadiano errante é unha das vacas sagradas de eltiempoentuojete que semella en horas baixas nas derradeiras competicións. Sitúase ás portas do Top-10 e seica quere revertir unha cadencia de ausencia de títulos que xa dura demasiado. 56 puntos.

Por tras, outros 3 aspirantes con 55 puntos. Rasdgar acada o últimi chanzo do Top-10 e, tamén con pouca experiencia quere dar un paso adiante e non perder comba cos novos valores da meteoroloxía amateur. Bar Pequeno, despois da ausencia en Oia semella co tino listo para voltar a unha élite na que ingresou no pasado vran. Ainda que no fondo da xeral, moito queda e debería demostrar melloría remontando ou engadindo vitorias. E o actual Nubeiro témolo en Landrán, líder en soidade con 3 puntos de vantaxe sobre o resto dos mortais e metendo o medo nos corpiños dos máis senlleiros meteorólogos amateur de eltiempoentuojete. Leva tempo rondando a fazaña e semella que desta vez vai en serio. Pero moito, eh? De momento comanda a competición con man de ferro e non parece doado sacalo do seu lugar de privilexio. Veremos como se comporta coa presión no seu lombo.

Estes foron os 8 mellores marcadores da 4ª xornada desputada en A Armenteira.Para acadar toda a información referente á etapa, preme no enlace que dispoñemos baixo este texto.

Unha estación trapalleira Ler máis »

Estación doente?

A 4ª xornada da Liga da Inverneira visita o concello de Meis na súa estación de A Armenteira. Semella que onte pasou por dificultades técnicas, o non presentar datos de ningún tipo en todo o día. Os datos históricos que amosou foron dados coma erróneos. Pero semella que hoxe espertou recuperada e traballa con normalidade. Agardemos que mañán tamén esté de bó humor e non teñamos que lamentar a súa escolla.

Para as temperaturas máximas temos valores que van dende os 18 ata os 22º C. Polo que respecta ás mínimas, as apostas están entre os 12 e os 18º C. No parámetro da auga, as cifras que se manexan están entre os 0 e os 8 litros, mentras que os rexistros para o refacho de vento oscilan dende os 17 e os 70 km/h.

Con estas diferenzas notables podemos aventurar unha gran e emocionante etapa, que poderás seguir ao vivo dende este enlace a partires das 02:40 desta mesma madrugada e dende a mañanciña do domingo ó longo de todo o día ata o remate da xornada. Sente a excitación con nós!!

As apostas:

Estación doente? Ler máis »