Entorno
Este é ou quinto estado menos densamente poboado, 84 % desta poboación pertence ás 16 tribos naga, un grupo étnico de orixe indo- mongoloide. Máis do 85 % da poboación é de relixión cristiá, sobre todo bautistas. Esta herdanza cristiá compártea coa maioría dos estados veciños como Mizoram ou Meghalaya así como por unha importante maioría do estado de Manipur. Con todo, a relixión é un factor diferencial co resto do país, de maioría hinduista. En 1832 unha parte do territorio foi tomado polos británicos. En 1881 os británicos tomaron o suroeste do país Naga que foi declarado distrito británico con capital en Kohima. O resto do territorio permaneceu de facto independente, pero na esfera de intereses británica e mantívose así ata 1947.
En xuño de 1947, un acordo cos británicos estableceu a posibilidade da independencia dos nagas tras un período transitorio de dez anos. O 14 de agosto de 1947, os nagas declararon a independencia ante a seguridade de que a asemblea de India non ía respectar o acordo cos británicos.
O 24 de xaneiro de 1950, o Consello Nacional Naga, que controlaba a zona, informou o goberno da India, a ONU e embaixadores estranxeiros que non se aceptaba a constitución india; con todo, a India asumiu o control do país.
As eleccións ao parlamento indio de febreiro de 1952 foron boicoteadas polos nagas (nin un só membro desta etnia foi a votar). Iniciouse un movemento de desobediencia civil, rexeitándose o pago de imposto e boicoteando as dependencias do goberno e as escolas. India respondeu cunha forte represión policial. Finalmente, tras fortes enfrontamentos, un acordo entre o goberno e as forzas independentistas permitiu a creación do estado de Nagaland o 1 de decembro de 1963.
En 1980 fundouse a guerrilla do NSCN pero oito anos despois esta dividiuse no NSCN- K, que opera ao norte do Estado, e o NSCN-IM, máis implantado no sur, cuns 4500 efectivos e un forte compoñente de fundamentalismo cristián. O conflito custou a vida de máis de 2000 persoas.