Semana grande para as borrascas esta semana na Serra da Faladoira. O tren pasou con forza e ainda non rematou a súa viaxe. Con medias superiores ós 75 km/h. e un acumulado de chuvia por riba dos 100 litros, a estación do concello de Ortigueira prepárase para recibir unha nova borrasca, nomeada pola axencia francesa de meteoroloxía coma Celine. O que trae é máis do mesmo: chuvia, vento e oleaxe. Este sábado está activada a alerta laranxa pero vai ser rebaixada a amarela para este domingo.
E como non podía ser doutra maneira cunha xornada desta pelaxe, temos unha gran variedade nas apostas, sobre todo na auga máis no vento, pero tamén no tocante ás temperaturas. Vai ser todo un desafío. A solución, o domingo na Serra da Faladoira.
Atopamos apostas en canto á temperatura máxima que oscilan entre os 11 e os 16º C. Un apostante chega ata os 21º C. Supoñemos que pensa que o vento ven do sur. Polo que atingue ás mínimas, os valores apostados van dende os 7 ata os 13º C. Moitas destas mínimas “pisan” a algunhas máximas. Con respecto ás cantidades de chuvia, van dende os 2 ata os 25 litros acumulados, cunha aposta máxima de 60 litros, do mesmo apostante que os 21º C. de temperatura máxima. Pero tampouco é que botase por fora na súa aposta de vento, onde atopamos velocidades dende os 30 ata os 95 km/h. Eiquí sí que atopamos diferencias notables.
Destacar os 3 litros do líder Compoñente Sur e os 6 de Breogán77 (2º na xeral) fronte ós 15 litros de Lukas e Bar Pequeno (compartindo esa 2ª praza). Os 34 km/h. de vento de Bar Pequeno fronte os 70 de Balboa, 77 de Botikas e os 80 de Popolo, que marchan inmediatamente por tras. Semella que a Clasificación Xeral pódese mover moito esta fin de semana coa chegada de Celine.
Se eu fose tí estaría moi atento o desenrolo da etapa. Podes seguir a xornada ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada e tamén en sesión contínua dende a mañanciña do domingo. Agárdanse moitos movimentos e deberías estar ó tanto dos acontecimentos. Non cho perdas!!