Lide na Devesa da Rogueira

Esta 19ª xornada da Liga da Inverneira podémola situar entre a elite das desputadas nesta edición. Tivo tódolos ingredientes dunha gran etapa. Emoción, trocos de gañador, mudas nas temperaturas, na cantidade de chuvia e no refacho. E todo isto matizado con importantes trocos na clasificación xeral que poden ser decisivos, senón no liderato, sí noutras posicións estratéxicas da táboa. Moita leña tronzada este domingo en O Courel.

A temperatura mínima acadóuse no cabo final da madrugada con 3º C. que xa non subiría de , con dificultade, na sobremesa. A presenza da chuvia era moi probable e paseniñamente acadou un resultado de 21 litros. O vento marcou un refacho máximo de 68 km/h., non moi lonxe do que apostaba a elite da xeral.

Con estes resultados aclamamos a Sarabia coma vencedora en soidade no Courel. Mallando a temperatura, sendo das mellores na pluviometría e perdendo somentes 1 punto no refacho para un total de 55 puntazos, que a mete de cheo na loita polo Top-10, máis apertado que nunca á falta de 8 datas para o remate. Ademáis, acada a súa 2ª vitoria consecutiva, 3ª nesta edición. Semellan espertar os cacháns da Liga cando sonan as campás.

Con 54 puntos sumados aparece Michi, alonxado polo momento das loitas da mesa dos maiores pero que podería dar o gran salto se continúa como no Courel. Tolemias meirandes temos visto deste paisano.

Marcando 53 puntos está Modesto, que volta o Top-10 pola porta sen dintel, recuperándose da penalización por retrasado e buscando o canadiano que o precede no 8º posto. Mesmos puntos para Verducido, que supera a Landrán noutra etapa para esquecer (e xa son moitas seguidas) e achegándose sixilosamente ó agora 4º clasificado, Julio, que facía moito que non tiña unha xornada penosa coma esta e ve perigar o podio que ocupaba dende moitas etapas atrás.

E con 52 puntos, o novo ocupante do podio é un vello coñecido. Botikas recupera folgos para ameazar @s primeir@s da xeral. Non hai quen soterre a este tipo e poñerse a tremer é normal. Tamén Mina suma os mesmos puntos e dende o 13º lugar xa está a tiro de pedra do Top-10. Outra que medra cando vai rematando o leite. Igual resultado para Cris, morrona de 1º ano que aperta para entrar no grupo que da acceso a ese Top-10 tan caro nesta edición. 19º posto para ela.

Dende alí chimpamos ata os 50 puntos de Víbora, outro dos ocupantes do tan repetido grupo de acceso ó Top-10, cheo de vellas glorias e mestres novos que buscan recoñecemento. Víbora sabe o que é gañar a Liga da Inverneira e o Top-10 para el semella un acordo de mínimo existencial.

Como podemos ver, somentes 3 ocupantes do Top-10 están neste resumo, polo que podemos falar de media escabechina, coa loita polo podio nun momento álxido, sen falar da loita polo Top-10, con 9 competidores nunha marxe de 10 puntos, dende o 9º posto ata o 17º. Ainda con xente decepcionada, este é o tipo de etapa que se agarda en eltiempoentuojete. Podes estar afundido na xeral e ter o día de cara, levar unha vitoria ou un bó resultado e pasar a buscar metas maiores, revancha ou, ainda que sexa, meterlle presión a ese persoaxe a quen llas tes xuradas dende quén sabe que etapa. Loita ata o derradeiro folgo!!

Estes foron os 8 competidores mellor puntuad@s nesta etapa de gran calidade na batalla, nas devesas do Courel. Para acadar tódolos datos recollidos na 19ª etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *