Casaccancha foi a derradeira das etapas a xogar en altitudes de máis de 4000 metros. Os resultados poñen a xeral nun pano, con diferenzas insignificantes despois de tres xornadas. Quizais o descenso á selva amazónica poida abrir ocos entre competidores.
A temperatura mínima chegou na madrugada ata os 4º C., un valor que non marcaron moitos d@s apostantes. Pola tarde acadóuse a máxima diaria con 13º C., agardada somentes por 2 meteoludópatas. Os 2 litros de chuvia estiveron moi preto do apostado e o vento marcou un refacho máximo de 6,2 m/s, 22 km/h. unha marca que axudou a definir os vencedores do día.
Con estes datos atopamos un vencedor en soidade, que ven de gañar repetidamente nos derradeiros tempos. Julio asina 57 puntos para levar o trofeo e de paso subir un par de chanzos na clasificación xeral. Colócase coa 3ª mellor marca nesa táboa e, coma sempre, tratará de acosar os seus precursores. Non perdas esa cadencia.
4 xogadores suman 56 puntos cara a xeral. Xowi entra no Top-10 a somentes 6 puntos da cacheira. Michi sitúase coa 3ª mellor marca a 1 punto do liderato en soidade de Verducido, que anotou os mesmos puntos. Víbora, despois dun mal comezo como acostuma, achégase ata o posto 13º da xeral.
Outros 4 meteoludópatas firman 55 puntos. Marius para colocarse no posto 18. Mina chega ata o 22 despois de controlar as apostas de refacho. Landrán acada a 6ª praza a só dous puntos do líder e Compoñente Sur arriba ata o posto 14 despois de entrar na etapa no límite do tempo.
Estes foron os 9 mellores resultados escollidos en Casaccancha. Para acadar tódolos datos recollidos na 3ª etapa pica no enlace baixo este texto.