Sen novidade no frente

Resolto o conflicto planteado na X Liga de Primaveira no Adriático, non hai novidade. Botikas segue a dominar con man de ferro calquer tentativa de conquista da coroa de mellor meteoapostante amateur do universo de eltiempoentuojete. Volve gañar a competición, a segunda consecutiva e pasa o fecho na porta do Olimpo e semella que pagou a hipoteca e xa é da sua propiedade. Xornada final en Brajde, moi tranquila para el, molesta para moit@s e decisiva para outr@s tant@s. Poucos trocos na clasificación final ainda que emocionante ata o derradeiro minuto da contenda.

A mínima estivo durante o 95% do día en 17º C. ainda que na última hora caeu un grado sinalando os definitivos 16º C. Foi redondeado, pois na súa caida ameazaba con dar o pleno a Julio. 5 minutos máis tarde do remate baixaba a 15º C. Esa foi a diferenza de Julio cun pleno histórico. A máxima acadou os 27º C. no mediodía. A chuvia non se presentou e o vento, liviano, marcou 15 km/h.

Ainda que non poido sumar un pleno, Julio levou a etapa en soidade con 59 puntos, achegándose ó Top-10 de vitorias históricas. Non chegou a mellorar a posición pero é un final con moi bó sabor de boca para esta eterna promesa que remata na 5ª posición nesta edición de primaveira. Duas vitorias e un Top-5 serve para pasarlle o risco a unha pouco afortunada Liga da Inverneira.

58 puntos son os que precisou Víbora para manter a praza no Top-10, que por momentos ameazou a 9ª e 8ª praza. Gran traballo baixo presión para defender o posto ante o rookie desta primaveira. Doce sabor nos beizos nesta xornada final con premio engadido.

E con 57 puntos topamos a este rookie, Pájaro, con gran desempeño en Brajde que non puido culminar pola experiencia de Víbora. Ainda así, grande inauguración de carreira en eltiempoentuojete. A canteira segue a funcionar dando novos nomes con gran calidade. A mesma puntuación para a sorpresa da competición, Denodeno. A sua mellor clasificación de longo, primeiro Top-10 da sua historia e unha vitoria, 2ª se non me falla a memoria. Pode significar un antes e un despois, ainda que Denodeno é unha incógnita eterna.

Compoñente Sur e Modesto mantiveron as posicións con uns razoables 56 puntos, ainda que Modesto agardaba superar a Compo Sur. Pero ambos evitaron a desfeita que sería perder a praza con Víbora, aturando a presión e sostendo finalmente o Top-10. Xa virán tempos mellores!!

55 puntos para o lider e vencedor Botikas, que non tivo problemas para soster o liderato e gañar a súa enésima competición. Mesma puntuación para Beocha, que conseguíu recortar o punto de diferenza con Landrán, que tendo máis vitorias conserva a 3ª praza. Acada a 4ª Beocha, moi acostumada ó Top-5 pero sen acadar esa ansiada vitoria nunha competición. Kaltxon non tiña moito polo que loitar nin de quen defenderse, polo que a súa participación en Brajde foi simbólica. Pero a sexta praza o confirma como aspirante a moito máis en próximas citas. Marius tivo unha liga un tanto irregular e consecuentemente decepcionante. Para enésima decepción a de Michi, que se ten que conformar cun Top-20 a o que xa nos ten acostumados. Agardamos resposta.

Os que faltan neste resumo tampouco acadaron Top-10, polo que terán que buscarse eles mesmos na clasificación xeral. A sinopse do acontecido en Brajde e, á par, os resultados definitivos desta X Liga de Primaveira pódelos atopar no enlace que ofertamos baixo estas letras.

En breven noticias sobre a próxima competición, o Torneo de Vran con invitación á Ojete’s Cup.

Sen novidade no frente Ler máis »

Final adriático

Xornada final de competición na X Liga de Primaveira no Adriático neste 2024 e só nos queda coñecer as posicións finais da Clasificación Xeral. Semella vendido todo o peixe pero ainda quedan algúns pequenos detalles por resolver. Agardamos tempo solleiro polo que a chuvia seica non vai ser factor decisivo en Brajde ainda que o resultado final non estará escrito ata a noite do domingo.

Polo que respecta ás apostas en temperatura máxima, recollemos valores que están entre os 24 e os 30º C. No que atinxe ás mínimas, manexamos valores dende os 12 ata os 17º C. Ata 7 xogadores agardan chuvia, con cifras entre 1 e 2 litros, quedando desertas o resto de casiñas. Nos refachos de vento, as apostas van dende os 15 ata os 44 km/h.

Con este marxe de diferenzas podemos agardar ainda trocos sustanciais nas posicións finais. Facendo contas, Verducido debería facer un pleno para gañar a competición. Calquera outro resultado dará a vitoria final a Botikas. Beocha ten que facer 2 puntos máis que Landrán para arrebatarlle a 3ª posición, que á sua vez ten que gañar a etapa para poder acceder ó 2º posto de Verducido. A Julio somentes lle quedaría empatar no 4º posto, eso sí, facendo pleno e quedando por tras debido á diferenza de vitorias. Kaltxon debería facer pleno para desbancar a Julio e tamén empataría na 4ª praza. Facendo pleno Denodeno ocuparía a 6ª praza por diante de Kaltxon. Modesto podería trocar a sua posición con Compoñente Sur á conta da diferenza notable de chuvia e vento. Este último podería entrar 7º no caso de facer o pleno. Víbora superaría a Modesto no caso de facer pleno e acadaría a 9ª praza. As posibilidades de Pájaro por entrar no Top-10 pasan por facer un punto máis que Víbora ou, facendo o pleno, rematar na 9ª praza. Por último, Xowi ten varias posibilidades de entrada no Top-10, pero a mellor sería facendo un pleno que o levaría ata a 9ª praza final.

Estas son algunhas das variables para a derradeira xornada da Liga de Primaveira no Adriático. Non deberías agardar a que cho conten, mellor seguir a etapa ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada e, en horario contínuo, dende a mañanciña do domingo ata o remate da etapa. A melloría está en xogo!!

Final adriático Ler máis »

Liga sentenciada?

A penúltima xornada da X Liga de Primaveira de eltiempoentuojete semella vista para sentenza, polo menos no que atinxe ó vencedor final, que non noutras posicións onde a loita quedou para o derradeiro día de competición en Eslovenia. Foron moitas as altas puntuacións nunha etapa moi desputada ó sair como a maioría dos meteoludópatas pronosticaran o venres. E non tivemos un pleno de puro milagre, ó acadar a máxima puntuación ata dous dos apostantes, ata que a chuvia puxo fin ó prodixio pasaxeiro.

A primeira temperatura que se rexistrou nada máis comezar a xornada foi xa definitiva, con 13º C. Dende ese momento somentes foi cara enriba, acadando o seu máximo na hora do café con 25º C. A chuvia fíxose agardar ata a noitiña, cando entre o lusco e fusco comezou a chover de maneira preguiceira pero que logrou sumar un litriño que decidiu moitas cousas. Xa no abrente do domingo definírase o maior refacho do día con 17 km/h. A subida deste refacho soterrou as esperanzas de Pájaro de facer un pleno na sua primeira competición con nós. Posteriormente a chuvia sepultou o soño de Rasta.

Rasta puido arrincar unha vitoria compartida con 59 puntos e somentes ese erro na predición de chuvia. Tivo que repartila co pior dos compañeiros de viaxe, Botikas. Así, Rasta trepa ata o posto 23, mentras o líder mantén a posición, estendendo a diferenza sobre os persecutores e afianzando, non sendo unha treboada, a vitoria final na competición. Catro puntos sobre Verducido, nove sobre Landrán e dez con Beocha fincan con case absoluta certeza o mantemento da dictadura do mellor. O resto, agardaremos a treboada…

58 puntos sumaron Beocha e Pájaro, que estivo a punto de entrar na historia de eltiempoentuojete pola porta grande e tivo que conformarse coa chave da cancela, quedando a un só punto do Top-10 que semella ser o seu obxectivo. Debe loitar cun mítico da porra, Víbora. Mal inimigo para a derradeira xornada. Case no mesmo caso está Beocha, que ven de recuperarlle 8 puntos en 2 xornadas a Landrán, chanzo último do Top-3, que de ser depredador pasa a ser presa que debe manter o seu status. Boas loitas na despedida.

Catro xogadores asinaron 57 puntos. Verducido ve como fuxe a posibilidade de vitoria e ademáis co tipo de sempre. Eso sí, semella ter asegurado o 2º posto logo de alonxarse de Landrán. Para Sarabia, Marius e Mingos foi un pequeno sopro de aire fresco dentro da mediocridade da sua competición. Grandes aspirantes que non tiveron sorte no Adriático, pero que de seguro volveremos falar deles en situacións máis favorables. Para o derradeiro domingo non agardan melloras considerables.

Estes foron os 8 mellores en Flegi, a penúltima xornada da competición de Primaveira. Pero hai moita máis información, á que podes acceder dende o enlace que ofertamos baixo estas letras. A mellora ainda é posible para moit@s meteoludópatas amateurs!!

Liga sentenciada? Ler máis »

A penúltima do Adriático

Flegi é a estación meteorolóxica que da nome á penúltima etapa da Liga de Primaveira. Kostabona é o núcleo de poboación importante máis preto dela. Eiquí vaise decidir moito do resultado final da competición. Seica estamos en época tormentosa nesta parte do mundo, á conta dos dous derradeiros días, con máis de 60 litros diarios o xoves mais o venres. Isto non se ve reflexado na táboa de apostas para o domingo polo que quizais non sexa tan importante este parámetro. Pero hai outros…

As apostas para as temperaturas máximas encádranse entre os 22 e os 27º C. Para as mínimas atopamos valores dende os 11 ata os 16º C. Un pouco máis da metade dos meteoludópatas predín seca durante o domingo, mentras pouco menos da metade apostan por precipitacións mínimas de entre 1 e 5 litros. Polo que atinxe ó refacho de vento recibimos valores de entre 9 e 26 km/h.

Moi apertada e emocionante agardamos a etapa do domingo, etapa que non podes deixar de seguir ao vivo dende este enlace, a partires das 02:00 horas desta madrugada e dende a mañanciña do domingo ata o final do día. Non agardes a que cho conten!!

A penúltima do Adriático Ler máis »