Gabeando a Muralla

E agora chega Elisa, unha nova borrasca importante que vai deixar de novo en alerta amarela as costas do norte de España. Entrou onte e vai estar traballando preto de nós durante o fin de semana e o comezo na nova. Para nós, que facemos parada e fonda este domingo en Muralla, no concello de Lousame, pode ser outro episodio máis para os amantes da chuvia e o vento forte. Sen avisos vermellos pero nunha zona, entre as rías de Arousa e Muros, onde a chuvia é constante e o vento pode acadar valores altos.

Como adianto dicir que temos 5 penalizad@s e outras tantas ausencias. Un dos penalizados, Landrán, ocupa praza no Top-10 e chegou somentes 5 minutos tarde, suficiente para cargarlle 10 puntos negativos. Pero sendo xornada de chuvia pode estar atenuado, da mesma maneira que Lukas a semana pasada en Cequeliños. Se non falla moito pode seguir entre os mellores e camiño inda falta.

As apostas en temperatura máxima van dende os 12 e os 19º C. amplitude suficiente para crear diferenzas. Pola parte das mínimas, van dende os 8 ata os 14º C. No eido da pluviosidade, grandes diferenzas entre apostaspredín abondosos movementos na xeral. Hai valores de chuvia dende os 0 ata os 24 litros, cunha aposta arriscada a priori de 62 litros. Moita marxe no canto dos refachos de vento, con prediccións que parten dos 10 km/h ata os 81 km/h.

Con estes valores temos unha gran variedade de resultados posibles que deberías seguir na xornada ao vivo dende este enlace a partires desta madrugada, cara as 02:00 horas. E en tempo continuado dende a mañanciña do domingo ata a fin da xornada. Tamén podes facelo dende o enlace existente no Acceso rápido do menú principal.

As apostas:

Gabeando a Muralla Ler máis »

Chorar, chorei o domingo á tarde

Impresionante xornada a desputada no domingo no campo de batalla de Cequeliños, no concello de Arbo, na fronteira cós nosos amigos lusos. Quitando o parámetro do vento, que quedou finiquitado nas primeiras horas do día, a chuvia caeu paseniño ata case os derradeiros momentos da xornada, coas temperaturas tamén mudando nesa franxa final.

E foi esa chuvia final a que deixou a Mingos sen unha vitoria profética augurada polo seu padriño, a borrasca Domingos. Mallara a pluviosidade ata que un derradeiro litro de auga deixóuno no segundo lugar por tras do vencedor final e novo líder da Liga da Inverneira.

A temperatura mantívose nos 10º C durante gran parte do día e acadou o seu máximo de 13º C. na hora do xantar. Tivemos que agardar ata o momento final para marcar a mínima de 9º C. Como dixemos o vento foi tempraneiro, cunha case miserable cifra de 34 km/h., insignificante para as condicións de vento que auguraba Domingos. Tampouco é de estrañar coñecendo a fochanca na que se ubica a estación de Cequeliños, na ribeira do río Miño. A chuvia foi pouco constante pero incesante. Tanto botaba duas horas sen chover como caían 6 litros en 20 minutos. Cara o final da xornada o pluviómetro acumulaba 38 litros redondeados, preto da media das apostas realizadas.

Con todos os datos na man temos a un gañador en soidade, Kaltxon, con 56 puntos. Mallou a chuvia, perdeu un punto na temperatura e deixou 3 puntos máis no vento, onde moit@s deixaron moito máis. E como agasallo engadido, o liderato da Clasificación Xeral. Xa podes estar fachendoso co resultado, mirando ó resto de participantes dende alí enriba. Noraboa!!

Por tras, con 55 puntos, o afillado do temporal, Mingos. Resultado semellante ó de o vencedor, pero con máis tino no vento e un pouco menos na temperatura. Ainda así pode presumir de ledicia subindo dende a posición 11 ata a 5ª praza e postulando á vitoria final.

Con 54 puntos a debutante Néboa e o veterano Víbora. Quedan os dous ás portas do Top-10, recuperándose dun compricado inicio de competición.

53 puntos para Landrán e Verducido, con boas apostas en auga e un pouco menos no vento.Os dous chegan dende postos anteriores o Top-10 e entran de cacheira no mesmo, con renovadas forzas na loita dos mellores.

Con 51 puntos atopamos a Kalandrakas, Mina e Breogán77. Para Kalandrakas e un plus da confianza perdida que o ten metido nas derradeiras prazas da xeral. Breogán77 non sae do Top-10 e agora agarda o faio de Kaltxon dende a segunda praza. Mina, co mesmo caso, acecha dende o cuarto posto.

E 50 puntos para Botikas, Patoloco, Rasdgar e Budainca. O vello campión sube ata a terceira praza da xeral, ratificando o seu estatus. Patoloco e Rasdgar, debutantes, collen novos folgos para asentarse na competición e demostrar quén son. Budainca circula pola parte media-baixa da clasificación e ainda ten marxe de mellora pola sua experiencia na predicción meteorolóxica.

Ata aquí os 13 mellores clasificad@s na 7ª etapa da Liga da Inverneira, en Cequeliños. Para acadar a totalidade dos datos recollidos pica no enlace que deixamos baixo estas letras.

Saudos e sorte!!

Chorar, chorei o domingo á tarde Ler máis »

A porta aberta

Iso é o que semella en Galicia nas derradeiras datas, que alguén deixou a porta aberta a toda canta borrasca atlántica se achegue ás nosas costas. Esta semana temos duas con nome, ou sexa, das que meten o medo no corpo e que as axencias meteorolóxicas determinan coma “potencialmente perigosas“. Xa marchou Ciaran, que deixou acumulados de chuvia de máis de 100 litros en algunhas zonas e con ventos por riba dos 100 km/h. As estacións de Lardeira e O Xistral marcaron refachos superiores ós 160 km/h.

Pois agora tócalle o turno a Domingos, que chega este sábado coas mesmas características que a súa irmá. Quizais con menos chuvia pero con ventos que a esta hora da mañá xa rexistraron 155 km/h. en Punta Candieira. Nós non xogamos na costa nesta xornada pero coa baixada das temperaturas, a chuvia e o vento temos por diante outra oportunidade para a redención ou o fracaso absoluto. En eltiempoentuojete temos o noso propio Domingos. Depende del que sexa unha premonición.

Actualización: O Xistral acadou os 173 km/h. as 13:00 de hoxe!!! Ver Valores extremos de hoxe en Meteogalicia

Non semella que teñamos as diferenzas que houbo en Serra da Faladoira, pero a Clasificación Xeral voltará a rexistrar trocos importantes, tanto en ingresos ou desaloxos no Top-10 coma en diferenzas de puntuación insalvables (ou non). Antes do comezo xa temos a un Top-10 con penalización. Lukas chegou tarde e moit@s son os persecutores que xa frotan as mans. Pero con valores tan altos nas apostas esa penalización pódese ver atenuada, polo que non se pode cantar vitoria antes de tempo.

Os valores para a temperatura máxima van dende os 10 ata os 15º C. Para a temperatura mínima oscilan entre os 6 e os 12º C. Moita amplitude nos dous casos. As apostas de pluviosidade móvense entre os 6 e os 60 litros, moita diferenza tamén neste apartado. Polo que respecta ós refachos de vento, atopamos valores que van dende os 18 ata os 120 km/h. Falan por sí mesmos…

Con estas apostas e a chegada de Domingos temos ante nós unha desas xornadas atormentada durante o seu desenrolo, con xente agardando por máis e outra desexando que chegue o remate do día. Podes (e debes) seguila ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada, con seguimento contínuo dende a mañanciña do domingo. Séguea con nós e non rabuñes moito o sofá, que é novo!!

As apostas:

Saúde e sorte!!!

A porta aberta Ler máis »