Benvid@s de novo, meteoludópatas, a unha nova tempada de competicións meteorolóxicas en eltiempoentuojete. Esta 10ª tempada comeza co 9º certame na Galiza, a Liga da Inverneira. Ó longo de 6 meses faremos prediccións nas máis senlleiras estacións meteorolóxicas da rede de Meteogalicia, nun periplo que nos levará dende as praias e portos da costa galega ata os cumios máis representativos do clima de Galicia, onde as xeadas, trebóns, chuviscas, nevaradas, suradas, nortadas, néboas e todo tipo de meteoros serán os principais obstáculos cara a excelencia predictiva. E por outra banda teremos enfronte ata 41 competidores que se presentan nesta xornada inaugural. Corrubedo corta de novo a cinta que vai arrancar as competicións de eltiempoentuojete neste curso 2022-23.
Damos a benvida ós exiliados no vran, e tamén a xente coma Juanito Caminante, revelación na 8ª Liga da Inverneira e a Santiago Pemán, novato do ano que amosa un nome-nick que lle pode facer moi grande. O defensor do título, Verducido, agarda repetir, ainda que os grandes deuses de Galicia coma Botikas, Víbora, Beocha, Mina, Xowi ou Sarabia tentarán evitalo. Os novos heroes coma Landrán, Kaltxon, Modesto e Marius pretenden dar un paso adiante e loitar polo título o que somentes optaron 2 xogadores nas derradeiras 5 edicións. Se o teu nome non está entre estes citados, danos unha sorpresa pola que teñamos que falar de tí…
Semella que este ano colleremos ainda tempo de vran no inicio da Liga. Corrubedo agarda unha edición anticiclónica ainda que con pequenas posibilidades de chuvia e unha temperaturas que descenden cara o outono. Polo tanto vai ser unha xornada con resultados moi apertados, que merece a tua atención no domingo, onde podes seguila ao vivo dende este enlace, a partires das 02:00 horas desta madrugada.
As apostas de temperatura máxima van dende os 18 ata os 27º C., cunha grande amplitude. As temperaturas mínimas oscilan entre os 10 e os 19º C. Somentes atopamos unha xornada húmida nun competidos, que amosa 1 litro. Os refachos de vento, tamén con diferenzas apreciables, van dende os 22 e os 52 Km/h.