Meteoludópatas en escabeche

Nova etapa da Liga da Inverneira e volvemos falar dunha “escabechina“. E de novo á conta da chuvia recollida na Serra da Faladoira, en Ortigueira. Pouc@s se achegaron á marca do pluviómetro e apenas unha decena de xogador@s acadaron os 50 puntos. Moitos trocos na xeral, con “ascensores” subindo e baixando conforme ás puntuacións obtidas.

A noite de xogo comezaba con temperaturas altas, dando coma resultado un valor máximo acadado ás 06:00 horas da madrugada, á contra do acostumado, superando os 15º C. Nese momento xa se rexistraran 4 litros no pluviómetro, chegando a 12 antes do mediodía e progresando cara a medianoite ata os 19 litros definitivos. Pouco antes marcábase a mínima do día cando o mercurio descendeu por baixo dos 9º C., que xa quedou como permanente na ficha da etapa. Os refachos de vento estiveron máis presentes na primeira hora do día con rexistros varios por riba dos 60 km/h. Dende o amencer baixou a intensidade, deixando coma definitivos os 65 Km/h. que marcara no momento xusto da caída da temperatura.

Moitas variacións sufriron ámbalas táboas de clasificación. A dos resultados da xornada mudou en varias ocasións, pero a xeral tivo un comportamento cambiante extremo. Durante a primeira parte da xornada poidemos ver coma Juanito Caminante perdía a súa condición de líder para a continuación dar labazadas a esgalla, escorrentando á competencia e collendo o mando na Serra da Faladoira. Pero o exceso de auga e a baixada final da temperatura libróunos de ver outra fazaña do caudillo actual. Tiveron que ser os máis ousados baixo a chuvia os que recibiran o loureiro.

Balboa e Modesto gañan ó unísono con 56 puntos e reciben un grande pulo cara o seu ingreso no Top-10. Modesto acada a segunda vitoria nesta edición e revalida o trunfo do ano pasado. Ortigueira ten dono dende o comezo da sua participación.

Por tras, con 54 pts., entrou o líder, Juanito Caminante, que roubou puntos a todo o Top-10 e volve poñer terra de por medio. Kalandrakas tamén viu compensada a ousadía hídrica cunha posición moi preto do Top-10. Alucarda igresou 53 para espoliar a terceira escada do podio.

Nanuq chega á 5ª praza despois de achegar 52 pts. no seu marcador. Aki fixo o propio e ingresa no selecto clube do Top-10. Para Víbora o recorte foi importante e xa asoma a cacheira no posto 15.

Sarabia suma 51 puntos e xa está na cuarta praza, aprobando as expectativas xeradas na pasada tempada. O mesmo resultado para Beocha, que agora está aloxada no marco que define o Top-10 da Clasificación Xeral.

Estes son @s 10 destacad@s da xornada número 6 da VIII Liga da Inverneira, pero os resultados dan moito máis de sí. Podes consultar o acontecido no enlace que amosamos embaixo estas letras.

Saúde e sorte!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *