Nada definitivo

Xornada anticiclónica que auguraba marcadores con puntuacións altas e moi parellas entre os meteoludópatas. O resultado global é o agardado, marcas por riba dos 55 pts. na maioría dos casos e moita igualdade que finalmete rachou un vencedor único.

A etapa de Xinzo comezou por baixo dos 3º C. e antes das 05:00 h. marcaba a cota mínima do día en 0.8º C. O vento foi inexistente na madrugada, con valores de refacho por baixo dos 10 km/h. Cara as 07:30 o sol condensou a néboa e o pluviómetro rexistrou 0.1 litros na cazoliña. O mesmo sol que apenas poido chegar ata os 12º na sobremesa do cocido. Tamén medraba o vento ó rolar cara noroeste, con tres marcas que redondeadas acadaron os 22 km/h. O resto foi agardar algún refacho illado e vixiar a baixada da temperatura. Pero non houbo movimento nengún e os datos recollidos fixéronse definitivos.

Denodeno foi o primeiro líder, tentando inaugurar un marcador de vitorias que se resiste. Pero o vento foi subindo e formando grupos de gañadores compartidos ata que o derradeiro troco no refacho deixou a Xowi coma vencedor en soidade, das que lle costan tanto, elevando a conta a 3 nesta edición. Só un kilómetro separóuno do pleno. Tamén reduce as diferencias cos predecesores e semella que prepara un pulo final cara a mellora. Parabéns!!

Na segunda praza, 58 pts. para Julio, que recupera duas posicións (o número de vitorias o favorece no empate con Víbora) e sobre todo, corta unha racha maldita e ainda pode atacar ós postos que o preceden. Coa mesma puntuación, Nanuq pelexa no 3º grupo apertado, entre o 14 e o 22 clasificad@s. O grupo de batalla de Jose Lopez complétase con Iru e Iago e finalmente Mutombo carece de grupo e deambula na busca dunha vitoria.

Por tras, ata 10 competidores apuntan 57 no marcador. Punteiro, Mina, Landrán, Popolo, Breogán77, Aki, Iru, Ocandepavlov, Denodeno e Lukas. Gran xornada para tod@s!!

O Top-10 modifica algunha das súas posicións. Os que non atinaban ultimamente, deron un golpe de man. Punteiro e Julio adiantan os “usurpadores“, mentras Xowi achégase ó grupo que agora pecha Marius. Moita leria ainda neste grupo no que ninguén quere pedir papas.

E se falamos de puntuacións “mediocres”, hoxe podemos falar do trio do podio, Botikas, Verducido e Beocha, xunto con Víbora e Marius, tod@s no Top-10 e que nesta xornada foron sobrepasad@s por máis de 20 apostantes. Seica nesta parada 54 puntos e un marcador case miserable. Manda carallo… Bar Pequeno acada 51 pts. con faios en vento e temperatura mínima e Oscar fai 47 por mor da penalización.

Todo por decidir deixou esta xornada de Xinzo. Podes consultar tódolos datos no enlace embaixo estas letras. E non esquezas que soamente Ponteareas e Cuntis nos separan dos resultados definitivos. Tes que mirar por gañar unha etapa, mellorar posicións ou adiantar a ese patán que leva meses vacilando. A morrer polo clima…!! Pero sen lastimarse, eh?

Saúde e clima!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *