Pendendo dun fío

Así está a estación sustituta, O Xistral, nestas últimas horas. Recentemente comezou a deixar de enviar datos e na actualidade semella estar varada. Agardamos que sexa un problema de conectividade de datos e non un faio de funcionamento da propia estación. Xa veremos se o luns a mediodía contamos con datos válidos para o desenvolvemento da 12ª etapa da Liga da Inverneira.

Polo que atangue ás apostas, pódese apreciar unha gran variedade de datos, non tanto nas temperaturas como nas cifras de pluviosidade e refachos de vento. O Xistral está entre as estacións máis ventosas da comunidade e unha das máis chuviosas do norte da provincia de Lugo. Podemos ter unha gran etapa climatolóxicamente falando. O único malo é a incertidume do funcionamento das estacións desta zona nas derradeiras datas.

No parámetro das temperaturas máximas observamos valores que van dende os 11 ata os 17º C. Tamén moita marxe nas mínimas, con apostas entre os 7 e os 13º C. Polo que respecta á pluviosidade, as cifras varían dende os 2 ata os 14 litros. E no que atinxe ós refachos de vento, os números oscilan entre os 21 e os 119 km/h. Pódese chegar a perder ata a camisa nalgúns casos…

Con esta diversidade de apostas podemos predicir para mañá unha xornada moi intensa e que non deberiamos perder no seu desenvolvemento. Agardamos poder seguila ao vivo dende este enlace a partires das 02:00 horas desta mesma madrugada e con rigor temporal dende a mañanciña deste domingo (se a estación o permite). Se Meteogalicia nos deixa, non deberías perdela.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *