As vitorias na Liga da Inverneira
O competidor con máis vitorias na Liga da Inverneira é Verducido con 19, das cales 8 foron en soidade. Lume ten 11, con 5 en soidade e Punteiro ten os mellores valores nas vitorias en soidade, con 11, para un total de 16 trofeos. Mina ten 7 vitorias de cada pau, para un total de 14. Xowi suma 14 vitorias compartidas e únicamente unha diana en soidade.
Verducido ten 9 vitorias sobre mollado, a mesma cifra que Mina. Lume suma 6 cando chove e Punteiro 5. Xowi gañou 8 etapas en seco e 7 baixo a chuvia.
Os records a batir
Xowi ostenta o record de vitorias nunha edición da Liga da Inverneira. Oito veces levantou o trofeo na 1ª edición desta competición. Posiblemente sexa o record máis senlleiro, con case 7 anos sen modificar. Nesta mesma edición acadou 3 vitorias consecutivas, tamén sen batir dende aquela. Moit@s competidores lograron encadear 2 vitorias: Xowi, Beocha, Anita, Popolo, Botikas, Lume, Balboa, Lukas, Modesto e Pepe en duas ocasións.
Con 6 vitorias, tamén na 1ª edición atopamos a Constantino e a Verducido con 5. Na 3ª edición, Mina igualou as 5 vitorias. Fixeron o propio Punteiro na 4ª e Modesto na 7ª edición respectivamente.
Na edición actual, despóis de 5 etapas, temos 6 gañadores que non repetiron. Moit@s comezan a poñerse nervios@s o non acadar unha vitoria, pero non te podes impacientar, que pode ser pior. De momento seguimos agardando a quen queira asumir o reto de batir marcas míticas nos anuarios de eltiempoentuojete.
Rumbo a Ortigueira!!!
Apachocando a Clasificación
Rematou a 5ª etapa da VIII Liga da Inverneira e podemos dicir que Ponte Caldelas mudou en parte a clasificación xeral. Non tanto no que respecta ás posicións, pero si que as puntuacións se apertaron e o grupo principal semella máis conxuntado, sen tantas diferenzas coma antes da disputa da etapa.
As temperaturas máximas foron baixas, acadando os 15º C. cara o mediodía. A nubosidade impediu o quecemento do sol no día e pola noite a temperatura mínima chegou ata os 6º C., por baixo da media apostada. A chuvia agardábase para a tardiña, pero adiantóuse no tempo e xa a media mañá comezaban a notarse as primeiras gotas. Deixou de chover cara o mediodía, cando se chegaba a 3 litros. Pola tarde a incertidume de probabilidade de chuvia asustaba, pero foi rebaixando a expectativa coa aparición de grandes claros en toda a comunidade. Os refachos de vento, coma se agardaba, foron baixos todo o día, rematando cunha marca escasa de 16 km/h.
Con estes datos, Verducido asina unha vitoria en soidade, mallando a chuvia e perdendo somentes un punto en cada un dos parámetros restantes. 58 puntos. Primeira vitoria en Ponte Caldelas e pasaxe direto ó Top-10 xeral.
Con 57 puntos, Xowi, que mantén a presión sobre os de diante e segue a postularse coma pretendente ó titulo final. Coa mesma puntuación, Bar Pequeno está a facer un gran inicio de competición e que se houbera desputado a primeira xornada podería estar entre os mellores de esta edición.
56 puntos achegaron ó seu marcador Aki, que se achega ó Top-10, Landrán, que desta vez sí acertou na chuvia e seguro collerá folgos de cara a próximas etapas. Tamén Belenchis, novata nesta tempada, que acada o seu segundo podio de etapa consecutivo.
Jose Lopez entra no Top-5 por mor dos 55 puntos acadados en Ponte Caldelas. 13 puntos o separan do líder.
Con 54 puntos, unha morea de xogadores, con M. B. Joaquín, Sarabia e Nanuq dentro do Top-10. Botikas e Beocha presionando a ese grupo adiantado. Oscar e Punteiro, triple vencedor en Ponte Caldelas, navegan á deriva máis aló do posto 20.
A xeral mantén a Juanito Caminante no liderato. Debería de “trotar” na vez de camiñar para evitar ós “lobos” que van sentindo o seu cheiro e achéganse con velocidade. M. B. Joaquín e Xowi son os avanzados e recurtaron camiño. Mjölnir mantén a distancia pero ten a Jose Lopez, Verducido, Alucarda e Sarabia a distancia de dentada. Nanuq quere ser parte dos persecutores mentras Mingos pecha o Top-10 despóis dunha desafortunada xornada e os seus inmediatos depredadores xa uliscan o sangue fresco.
Se queres coñecer tódolos detalles do acontecido na 5ª etapa da Liga da Inverneira, en Ponte Caldelas, preme no botón embaixo exposto.
En vindeiros días amosaremos algunha estadística derivada da competición da Liga da Inverneira.
Saúde e sorte!!!
Dúbidas racionais
Quinta etapa da VIII Liga da Inverneira e facemos parada e fonda nun dos clásicos do percorrido pola xeografía de Galicia. Ponte Caldelas fai a sua 8ª aparición nesta competición, onde xa se rexistrou un dos 4 plenos acadados na nosa historia. Nesta edición as dúbidas volven rondar ó tema da pluviosidade, sen esquecer o resto de parámetros. As apostas reflicten toda esa incertidume sobre a terra de Caldelas.
As apostas en temperatura máxima oscilan entre os 14 e os 19º C. A marxe das mínimas establécese entre os 5 e os 11º C. As apostas sobre pluviosidade van dende nada ata os 13 litros. No tocante ós refachos de vento, as apostas recollen valores entre os 11 e os 40 km/h.
Con estes valores podemos adiantar unha xornada moi apertada pero con posibilidade de coller distancia entre @s xogadores. Podes seguila ao vivo dende este enlace a partires das 02:30 desta mesma madrugada.








