Rematou a 8ª tempada de competicións meteorolóxicas de eltiempoentuojete e estamos no tempo de botar contas. Dous novos paises engrosan o listado das competicións xogadas no extranxeiro.
O inicio da tempada foi na casa, en Galicia. Verducido, Botikas e Beocha pronto puxeron terra de por medio co resto de competidores. Máis tarde Beocha cedía ante o pulo dos compañeiros de viaxe pero asegurando o terceiro posto e deixando unha derradeira xornada a vida ou morte na que houbemos de chegar ó desempate por vitorias. Verducido gañou a etapa e o campionato, deixando a Botikas sen o seu cuarto título consecutivo na Liga da Inverneira. O cuarto posto foi para o novato Modesto, que no seu desfloramento meteorolóxico amateur deixou pegada. O novato de segundo ano, Julio obtivo a 5ª mellor marca.
A 8ª Liga de Primaveira viaxou ata o sur dos Estados Unidos para ver como Sarabia levantaba o trofeo na derradeira xornada, na que comezaba no 6º posto e adiantaba o cúmulo de aspirantes que a precedían. Xowi acadou o segundo posto e Breogán77 tivo que se conformar coa medalla de bronce. Compoñente Sur 4º, conseguíu unha das mellores clasificacións dunha traxectoria da que sempre agardamos máis. Nanuq, outro de segundo ano e con aspiracións, quedou na 5ª praza. Ningún destes participantes aparece no Top-5 da Liga da Inverneira.
O Torneo de Vran mantivo o país anfitrión, USA, pero viaxou ata a outra punta da nación, ata as frías terras de Alaska. Alí, ademáis dun campión buscabamos os 16 mellores que xogarían a Ojete’s Cup, o torneo de un-contra.un. Nanuq alzaba o trofeo despois de ocupar durante as derradeiras xornadas o liderato ainda que moi presionado por Botikas, que volvía ser o despiadado oráculo ó que nos ten acostumados. Jose Lopez confirmaba a sua mellora nos últimos tempos e melloraba a sexta praza de Primaveira cun podio no Vran. Víbora fora 6º na Inverneira, 14º en Primaveira e lograba o 4º posto no Vran. Xowi acadou o seu terceiro Top-10 da 8ª tempada de eltiempoentuojete.
A Ojete´s Cup 2021 levóunos ata Escocia para desputar o torneo por eliminatorias.
Julio derrotou nas 2 primeiras roldas a dous excampións desta mesma competición, Botikas e Oscar. Na semifinal superou a Lukas e na gran final houbo de gañar o desempate ante Xowi, posiblemente o xogador máis regular da historia de eltiempoentuojete. E o xogador que acada o título co coeficiente máis baixo, pois chegou ata Escocia co posto 15 dos 16 mellores de Alaska. E o camiño non foi sinxelo. Xowi engade un podio máis á sua carreira, ainda que o seu mellor posto na Ojete’s Cup era un 6º lugar. Lukas comezou a tempada frouxo e con moitas penalizacións. Entrou 33 e 29 na Inverneira e Primaveira respectivamente. Mellorou en Alaska chegando 6º e acadou o 3º lugar en Escocia despois de gañarlle a partida a Nanuq, ó gañador do Torneo de Vran e cacheira de serie número 1 na Ojete’s Cup. Oscar levou o 5º posto ante Víbora e segue a colleitar ós seus resultados máis óptimos na competición do K.O.
En relación á tempada completa podemos ver na gráfica de acerto en temperatura cómo un novato coma Modesto comanda a lista por porcentaxe. Tanto él coma Punteiro, que ten varias incomparecencias, non clasificaron para a Ojete’s Cup polo que a porcentaxe está feita nas outras 3 competicións. Botikas, Sarabia e Víbora completaron as 45 etapas que conformaron a 8ª tempada e están por riba do 87% de acerto.
O acerto en pluviosidade ten a Punteiro coma mellor apostante (cando o fai) cunha porcentaxe de máis do 91%. Nanuq, Lukas, Botikas e Jose Lopez estiveron nas 4 competicións e todos eles acadaron podio nesta tempada.
No que respecta ó refacho de vento, Botikas lidera a táboa con máis dun 92% de acerto, unha das suas mellores marcas por tempada. Xowi e Beocha superan o 90% e Verducido e Mingos, con menor número de etapas, pouco por baixo do 89%.
O acerto xeral da tempada ten o seu máximo expoñente en Botikas, con máis do 89% de acerto xeral. Un punto por baixo Xowi e Víbora, Punteiro e Beocha superando o 87%.
O Top-7 de vitorias nesta tempada está liderada por Botikas con 6. Julio, Modesto e Xowi lograron 5, ben aproveitadas para as posicións finais. Landrán e Lukas, con 4 vitorias, semella que deberían estar máis por riba do que fixeron e Verducido, tamén con catro, valéulle para gañar a Liga da Inverneira.
O promedio de posición da a Xowi a mellor posición media das 4 competicións, 4,5. Botikas ten unha 5ª posición media. Nanuq preto de 7, Víbora 7 e media e Sarabia un 9.
Botikas ten as mellores marcas nas derradeiras 5 tempadas, nas que non baixa dunha 7ª posición media.
Outra gráfica a vixiar é a de Xowi. 8 tempadas nas que a sua pior posición media foi 10. Con moi boas primeiras tempadas e unha lixeira fochanca na 6ª e 7ª, semella recuperarse nesta recén rematada. Gran resultado para o noso canadiano.
A ter enconta tamén a mellora experimentada por Jose Lopez nas derradeiras duas tempadas, tendo en conta que cada unha consta de 4 competicións.
Aparte de estes xogadores estudados tamén temos que ter en conta a Verducido, derradeiro gañador da Liga da Inverneira. Julio semella maduro para entrar na élite, como amosa a sua vitoria na Ojete’s Cup. Sarabia e Nanuq tamén experimentaron melloras nas suas prestacións e poderían dar o salto de nivel despois de gañar cadanseu torneo. Landrán, Compoñente Sur e Kaltxon tamén deberían codearse cos mellores se controlan o parámetro que non é parámetro: a puntualidade. Modesto e Zalamera deron moi boas sensacións e, axustando a sua puntualidade, pódense converter nas novas estrelas do universo meteorolóxico amateur. Beocha e Xowi deben aproveitar a sua regularidade para deixar os chanzos baixos do podio e sumar torneos. Punteiro e Lume, con problemas de comparecencia nas etapas claves, estarán nos postos de honra se se acordan do horario de apostas.
Se non estás entre @s nominad@s, pensa que nos podes pechar a boca meténdote no Top-10, gañando etapas, podios ou mesmo campionatos. Pon as pilas e obríganos a falar ben de tí. Estaremos encantados de facelo…
A próxima cita, o domindo 26 de septembro con aposta o venres 24, inicio da VIII Liga da Inverneira de Galicia. Agardamos poder continuar este experimento meteorolóxico amateur e facelo contigo. A inauguración, coma sempre, en Corrubedo.