Un sinal profético

Grande xornada en Marroxo, con moita leria para ser unha etapa sobre seco. Moitos movimentos na xeral á conta dun anticiclón que trocou a tendencia xeral da semana, facendo da predicción unha aposta a cegas en Monforte de Lemos.

As temperaturas comezaron altas, pero cairon na madrugada por mor da falta de vento. A entrada de refachos máis fortes deixaron ás mínimas en 4º C. No mediodía as máximas acadaron os 12º C., por baixo da maioría das apostas. A chuvia non estaba convidada nesta etapa namentras os refachos de vento chegaban ós 29 km/h. no abrente do día.

A vitoria levóuna Iago cunha predicción excelente que quedou a un so kilómetro de vento de obter un pleno mítico. Mallou tódolos parámetros agás esa mínima diferenza no vento, para un total de 59 puntazos. Quizáis o máis importante desta vitoria é que Iago foi o encargado de coller o número de lotaría que esta casa vai xogar no vindeiro sorteo de Nadal. Agardamos que tivera o mesmo tino nas suas prediccións que á hora de escoller o décimo de lotaría. Primeira vitoria amais de ser en soidade, ainda que afundido na xeral. Será ascendido no caso de premio de categoría.

Xowi e Popolo avanzan dentro do Top-10 e xa amenazan ó líder, ó que lle restaron 5 puntos. 58 puntos que comparten con Breogán77 e Kaltxon ainda que navegan máis aló do posto 20.

Mina e Beocha finalizaron a xornada con 57 puntos. Beocha entra no grupo persecutor de Juanito Caminante e Mina tenta arranxar a desfeita de O Xipro.

Sarabia presenta 56 puntos e mantén o Top-10. Mesmo número de puntos para Marius e Punteiro, que comparten tamén a posición na xeral e semella que veñen remontando.

Éstes son os 10 mellores na xornada de Marroxo, nas terras de Lemos. Se queres coñecer todo o acontecido nesta 12ª etapa, pica no enlace exposto baixo estas letras.

Se ainda non o fixeches, ponte en contacto con nós para decidir o destino da participación de lotaría que tes asignada coma xogador de eltiempoentuojete nesta edición da Liga da Inverneira. Igual mercamos Meteogalicia!!

Saúde e sorte!!!

Un sinal profético Ler máis »

Brétema anticiclónica

Troco do clima cara un anticiclón que alonxa os frentes atlánticos e que vai provocar néboas no centro do país. Semella que as temperaturas máximas poden subir mentras as mínimas poden desplomarse na madrugada. Pero estamos en Monforte de Lemos, un dos lugares agraciados coa posibilidade de inversión térmica, polo que non aparenta sinxelo o reto desta xornada.

As temperaturas máximas establécense entre os 10 e os 17º C. Pola parte das mínimas, os valores oscilan entre os 2 e os 7º C. Somentes atopamos duas apostas sobre mollado, con 2 e 3 litros prognosticados. Os refachos de vento reflicten díxitos dende 9 ata 49 km/h. cunha punta máxima de 79 km/h.

Xornada incerta a de Marroxo, coa sombra da inversión térmica aboiando sobre o Val de Lemos. Moitas opcións para unha moi interesante etapa que podes seguir ao vivo dende este enlace a partires das 01:30 desta mesma madrugada.

As apostas

Lotaría

Dende eltiempoentuojete mercamos un número de lotaría de nadal para o conxunto de meteoludópatas asociados á competición da Liga da Inverneira na sua 8ª edición. Polo tanto, cada un dos 40 xogadores que desputan na actualidade a competición meteorolóxica dispoñen de 10 euros de participación do número indicado na foto. Para acceder ao mesmo, manda unha mensaxe ó enderezo electrónico eltiempoentuojete@gmail.com. Tamén podes contactar no grupo de whatsapp de eltiempoentuojete ou pasar a recollelo polos espazos autorizados en Pontevedra e Cotobade. Se te atopas lonxe, ponte en contacto con nós para facer chegar a papeleta onde queiras. Coma os décimos están numerados e predestinados a un xogador, agradeceríamos que confirmaras ou descartaras a súa adquisición, pois temos unha lista de espera de antigos meteoludópatas interesados en facerse con él. O día 20 e o derradeiro para comunicar a compra ou descarte.

Despois de amenazar a parte do xurado do sorteo, somentes puidemos garantizar ata o 5º premio. Asegurar o premio gordo costaba moi caro

Saúde e sorte!!!

Brétema anticiclónica Ler máis »

Vixiando o vento

Presentamos desta vez un informe sobre os refachos de vento na Liga da Inverneira. Ocorrencia, porcentaxes de acerto, vitorias segundo a intensidade, rexistros máximos… Incluso un pequeno estudo do vento neste mes de decembro. Pica no enlace baixo estas letras.

Ademáis, comunicamos a compra dun número da Lotaría Nacional de Nadal. Temos reservadas participacións de 10 euros para cada un dos participantes na presente Liga da Inverneira de eltiempoentuojete. O sábado ó mediodía daremos conta de tódolos detalles, coma o número en cuestión e cómo recibilo no caso de solicitalo. De calqueira maneira podes reservalo a partires de xa comunicándonolo ao noso enderezo electrónico: eltiempoentuojete@gmail.com

Saúde e clima!!!

Vixiando o vento Ler máis »

O Xipro paseniño

Gran xornada a desputada no concello de A Fonsagrada, na estación de O Xipro, no inicio da xeira de etapas de montaña nas provincias de Lugo e Ourense. O frente provinte do norte afectou case por completo ás provincias do leste do país, ademáis da costa norte de A Coruña.

As temperaturas comezaron a xornada con 4º C., que ainda que oscilou un pouco durante a noite, foi parámetro definitivo o non caer desa cifra en todo o día. E moito padeceu o termómetro para acadar os 6º C. Pola mínima chegou ata os 5,6º C., os necesarios para o redondeo onde a oscilación térmica foi moi baixa. A chuvia apareceu dende primeira hora e foi mollando paseniño ata un acumulado diario de de 12 litros e medio, redondeado a 12 litros. A ocorrencia nos refachos estivo máis presente na madrugada, cando se rexistrou o máximo do día con 45 km/h.

Pouco máis de un ano levaba sen gañar o heróe de O Xipro. Popolo tiña unha das apostas sobre auga moi arriscada en relación co resto de prediccións, pero a ousadía estivo ben padaga nesta ocasión. Vitoria en soidade e pase VIP cara o Top-10 da Clasificación Xeral, ademáis da sua estrea vitoriosa na edición actual. Perdeu un punto na temperatura mínima e dous na pluviosidade, mallando o resto de parámetros para un total de 57 puntos de gran calidade predictiva.

Con 56 puntos entrou Denodeno, a pique de acadar a sua primeira vitoria histórica, opción que perdeu cara as 10 da noitiña. Aki tamén estivo no alto todo o día, con 56 puntos que o aupan ata o 7º lugar da xeral.

Botikas segue en forma e engade 55 puntos nun marcador que xa asoma no 6º posto escorrentando a xogadores do Top-10.

54 puntos presentan Nanuq, Verducido e Beocha, xusto por diante de Botikas e botándose enriba de Xowi, na segunda praza, cada vez máis. amedrentado. Ocandepavlov volve á beira do Top-10 con eses 54 puntos e Landrán tenta buscar unha liña de competición favorable.

Punteiro trata de trepar cara o grupo dos mellores e esta semana engade 53 puntos no seu marcador.

Juanito Caminante segue a manter o liderato e xa comezamos a pensar nel coma serio aspirante ó título. Mantén 9 puntos de renda con Xowi, que semella o dique que protexe ó líder da ameaza dos vellos mitos e os novos valores. Xowi ten a mínima marxe sobre Nanuq, Verducido, Beocha e Botikas. Pouco por tras, Aki, Popolo e Modesto presentan credenciais e Sarabia pecha o Top-10 máis competido nas derradeiras edicións. Sentimos ter que penalizar a Alucarda e Zalamera por somentes 5 minutos, pero o horario automatizóuse para non dar vantaxes a ninguén. Agardamos volver velas polos postos de privilexio.

Para estudar tódolos datos extraidos da 11ª xornada da Liga da Inverneira, na estación de O Xipro, preme no enlace embaixo estas letras.

Saúde e clima!!!

O Xipro paseniño Ler máis »