Ante todo pedir desculpas pola deficiente xestión da derradeira etapa da Ojete’s Cup. Tivemos que prescindir do parámetro de temperatura mínima porque a estación voltou a indicar valores de ata -39ºC. Grazas a tod@s os que avisaron do problema. Fallou o mércores, pero voltou traballar ben esa mesma noite, polo que o vimos coma un problema puntual, dado que non fallara nas derradeiras semanas. Cando fallou de novo o xoves, xa era tarde para un troco, pero sendo un faio que representaba un 25% do total no marcador optamos, dacordo co Regulamento, en rexeitar o parámetro erróneo dos datos da etapa. Quizáis nos equivocamos o non trocala, non o sei, pero pedimos perdón e trataremos de mellorar.
E a qué ven esta introducción? Pois se alguén necesita unha explicación vai ser Botikas, que estará a preguntarse se fixo un pleno ou non. 50 puntazos e todo pendente da temperatura mínima, o parámetro parvo da estación. Non semella que fose un parámetro decisivo para a resolución dos enfrontamentos, polo que pouco afectou ós resultados, pero se eu tivese 50 puntos estaría amolado. Mil disculpas para Botikas.
A temperatura máxima acadou os 30º C., mentres os -39º C. foron rexeitados por improbables, anulando o parámetro da temperatura mínima. A chuvia fixo aparición nas perimeiras horas da xornada, pero non foi quen de superar o 1/2 litro, que nos redondeamos a 0. Os refachos de vento chegaron ata os 14 nós, equivalentes a 26 km/h.
Nos resultados atopamos a Verducido coma vencedor da Ojete’s Cup 2022. Con resultados irregulares, pero gañando os enfrontamentos, Verducido recolle o seu 4º trofeo na competición de un-contra-un. A diferencia estaba na pluviosidade e Landrán errou no parámetro no que estivo a destacar durante as xornadas da India. Os 4 litros afogárono na derradeira cita. De calqueira maneira xa ten espazo no Panteón meteoludópata amateur e agora terá que manter un nome e uns antecedentes. Nese Panteón ten Verducido un ático e un baixo comercial.
Vitoria con premio de podio para Xowi, que acada a terceira praza xeral á conta de Popolo, que voltaba á elite da competición meteorolóxica. Con apostas moi apertadas, a diferenza estivo nos dous puntos da temperatura máxima, que caiu do lado do canadiano. Outro podio para un xogador que engade unha praza de garaxe no Panteón. Popolo amosa unha melloría que fai pensar nunha boa preparación para a nova tempada.
A quinta praza gañouna Beocha, con mellor temperatura máxima e mellor desempeño no refacho de vento. Mina quedou corta na temperatura e pasouse no vento. As duas viven coma estrelas invitadas no Panteón meteoludópata.
Modesto e Punteiro tiveron que chegar ó desempate para dirimir as suas diferenzas. Os fallidos 2 litros apostados por Modesto foron recuperados pola baixa calidade da aposta de Punteiro nos refachos. Unha vez igualados os marcadores, o parámetro de vento era o que marcaría a melloría e Modesto estivo moito máis fino. Punteiro conta cun adosado no Panteón e Modesto presentou o formulario de inscripción.
A final B foi a que tivo os mellores resultados. Botikas mallou tódolos parámetros en funcionamento e quedará coa duda do posible pleno. Marius fixo a segunda mellor marca da xornada e remata moi forte a tempada. Tivo a mala sorte de atoparse co diaño da predicción amateur, dono de case a metade do Panteón. Marius amosa unha melloría no final de tempada e presenta credenciais para o seu ingreso entre os grandes.
Lume e Kaltxon tamén decidiron a sua posición polo refacho de vento. Moi deficitario o de Lume e moi preciso o de Kaltxon, recuperando o punto perdido na pluviosidade. Pouco premio para estes apostantes moi irregulares no seu xogo, pero con bagaxe suficiente para buscar horizontes máis lonxanos e petar na porta do Panteón de ilustres.
Pequenos detalles decidiron a eliminatoria entre Sarabia e Michi. Un punto na temperatura máxima e outro na pluviosidade remontaron o punto acadado por Michi e convertían a Sarabia na 13ª clasificada na Ojete’s Cup 2022. Sarabia ten un adosado (xunto a Punteiro) no Panteón e Michi quere que lle fagan unha “gateira” na porta.
E de novo a pluviosidade foi o factor determinante da loita entre Compoñente Sur e Bar Pequeno. 4 litros afundiron a Bar Pequeno despois de rañar un punto na temperatura máxima. Compoñente Sur acada a sua única vitoria e pode dar cun canto nos dentes. Bar Pequeno conta as batallas por derrotas, pero mellora ano a ano e calqueira día danos un susto. Ese susto que xa debería dar Compoñente Sur, con etapas de abondo no seu lombo. Relaxádevos antes do inicio da 10ª tempada.
Se queres fuchicar nos datos recabados en Ratnagiri, Maharashtra, na derradeira rolda da Ojete’s Cup 2022, pica no enlace que ofertamos embaixo.
A resolución da derradeira xornada da OjeteQuake tardará un pouquiño á conta dunha presentación de recurso. Trátase do aumento ou disminución da magnitude que a axencia fai a posteriori. Estamos a re-analizar a etapa, polo que os datos publicados na Clasificación da OjeteQuake 2022 están baixo investigación e non son definitivos. Agardamos publicar os resultados concluintes antes das 18:00 horas. Ata entón…